Cotobade, 6 de decembro de 2010.-
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu nas últimas horas ao portavoz do Partido Popular de Cotobade, Jorge Cubela, quen lle transmitiu algunhas inquedanzas e solicitudes dos veciños do municipio en relación a futuros proxectos da administración autonómica.
Concretamente, Cubela presentoulle ao delegado territorial o proxecto de abastecemento e distribución de auga para as vivendas do lugar de Vilanova na parroquia de Tenorio.
“Este proxecto é prioritario e moi necesario para os veciños do lugar”, asegurou o portavoz popular en Cotobade. “Así o explicaron durante a asemblea que mantiven con eles recentemente”.
Jorge Cubela solicitoulle a Cores Tourís que dera traslado desta petición á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de cara a que se poida executar “canto antes”.
Trátase dun proxecto que roldaría os 63.000 euros e que permitiría levar auga a tódolos veciños da zona. “Suporía a execución da rede secundaria”, explicou o portavoz popular, quen avanzou que tamén solicitou, fai uns días, á Deputación de Pontevedra a execución do enganche da rede xeral ata o depósito.
Actualmente, segundo engadiu Cubela, esta poboación non dispón de rede de abastecemento de auga municipal polo que as únicas contribucións a tal efecto son as dos pozos artesáns, chegando a ter un pozo por vivenda como mínimo.
“O feito de non existir colectores de auga nin rede de saneamento complica a potabilidade da auga dos pozos e que no verán algúns destes pozos se sequen”, concluíu Jorge Cubela.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra comprometeuse a dar traslado desta solicitude á consellería correspondente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario