Louzán e Cubela inciden en que o proxecto será respetuoso co medio ambiente e suporá un importante revulsivo para o municipio e a súa área de influencia xa que poderá albergar competicións a nivel nacional e internacional
Cotobade, 05 XANEIRO 2012
A Deputación Provincial de Pontevedra participa activamente na posta en marcha dun proxecto impulsado polo Concello de Cotobade e pola Comunidade de Montes de Borela para a creación dun campo de tiro olímpico no municipio. Así o anunciaron o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela.
Segundo explicaron as partes implicadas no proxecto, a Comunidade de Montes de Borela ven de aprobar en asemblea e por unanimidade de todos os seus integrantes a posta en marcha deste proxecto en terreos do monte veciñal de Pe da Múa.
Para Louzán e Cubela, este proxecto “non so será totalmente respectuoso co entorno natural, senón que asemade levará parello a recuperación dun espazo degradado”. Ambos responsables insistiron asemade en que a instalación deportiva suporá un revulsivo moi importante a nivel económico tanto para Cotobade como para as zonas limítrofes e comentaron, neste senso, que o campo de tiro olímpico proxectado será un proxecto único en Galicia e referente a nivel nacional pola súa tecnoloxía.
Os promotores da iniciativa consideraron que tanto en Galicia como en España existe unha importante tradición de caza e tiro polo que a creación desta área deportiva “pode ser un foco importante de atracción tanto para afeccionados, como para a celebración de eventos deportivos de tiro a nivel nacional e incluso internacional”.
Actualmente, estanse a tramitar os permisos necesarios para realizar esta obra para posteriormente proceder á construción da zona social e dos equipamentos. O proxecto suporá un investimento aproximado de medio millón de euros dos cales unha parte serán asumidos pola Deputación con medios propios do parque de maquinaria e a maiores o Concello pretende recabar a colaboración doutras entidades.
O campo de tiro olímpico situarase nun entorno de 22 hectáreas; contará con instalacións para o tiro con arco e con zonas específicas para tiro de precisión dende unha distancia de 300 metros que na actualidade practicamente non existen en España. A maiores contará cun simulador de caza de alta tecnoloxía; e zonas para a práctica de tiro ó prato. As instalacións serán proxectadas para o seu uso deportivo e non albergará prácticas de tiro con animais. Ademais das dotacións deportivas o proxecto contemplará a construción dunha zona social para a celebración de reunións, encontros etc.
No hay comentarios:
Publicar un comentario