Como amante da Historia, das tradicións, do coñecemento das culturas, da filosofía socrática do intelectualismo moral, son un devorador de lecturas variadas segundo o momento e as apetencias cotiás de cada día.
É nestes nadales das nosas vidas cando as persoas en Galicia debemos falar como seres individuais, facendo uso da nosa liberdade para opinar e, así, non caer en discursos feitos ou que xa nos veñen dados por asociacións convertidas ao extremismo como Galicia Bilingüe ou A Mesa pola normalización lingüística.
A deriva lingüística, división como a chaman algúns nos círculos políticos, produciuse por unha percepción da cidadanía de tratar de impor o galego no "Decretazo Bipartito" (o cal, o Consello Consultivo declarou non conforme a dereito), algo que non é consecuencia da casualidade, senón pola falta de consenso que houbo entre Goberno e Oposición á hora de elaborar un novo Decreto que desenvolvese a Lei de Normalización Lingüística aprobada por unanimidade durante o mandato de Albor.
Entendo que ante a percepción xeneralizada de moitos pais de que aos seus fillos váiselles a falar só en Galego exista unha reacción que se concentre nesa plataforma que se fai chamar "Bilingüe", polo cal, cuestiónome o seguinte: cando a súa situación de ataque frontal ao galego reverta a situación que din que hai de acoso ao español e sexa o galego o que estea menospreciado, eles mesmos sairán á rúa a defender o bilingüismo?, xa que calquera situación de diglosia debe ser denunciada sexa cal for a lingua ou idioma maioritario, polo que albisco moito "antigalleguista", separando a estes das persoas que a boa fe non queren que se impoña ningún idioma no ensino.
Doutra banda, serei sempre fiel á fala e á lingua galega que falaron os meus devanceiros e non á que nos tratan de vender, que está a ser levada por algúns sectores galizos ao lusismo, contra cuia deriva loitaron no seu tempo Eladio Rodríguez ou Lugrís Freire; termos cultos en -cc, ct, pt-, por exemplo, están a perderse. Qué avance para o galego converter "Diccionario en Dicionario"!!.
Tamén, reivindico a lingua dos poetas do Rexurdimento como Marcial Valladares, Curros ou Rosalía de Castro, que se esforzaron a eito por dignificar a fala do pobo, dirección, a cal, Risco aconsellounos ir cando no ano 1921 expresou "Non soubemos traballar cientificamente o leigado cultural de Rosalía e Curros". E, como non, aos que falaron o galego da súa zona dialectal pondo como exemplo a Anxel Fole nos fermosos contos da "Lus do Candil".
Ese é o legado que defenderei sempre, o dos nosos devanceiros, o que ten que perdurar, fronte a xente disfrazada de "Bilingües" que nos seus comezos dín o meu apoio como, tamén, fronte a ese nacionalismo excluínte que nos quere aproximar a "PortuGaliza" escapando de todo o que cheire a ter orgullo de ser galego como tamén orgullo de ser español e formar parte de España.
Quixera seguir falando de normativas lingüísticas aínda que non son especialista niso, pero unha vez lido e analizado o Texto do borrador do Decreto no ensino non universitario, parécenme preocupantes as posicións dos que xa tiñan preparadas as súas reaccións fose cal for a dirección deste borrador.
Cualifícoo como o menos malo que podía sair, paréceme un Decreto con sentido común e ambicioso ao introducir o inglés. Un Decreto que defende, protexe e fomenta o galego como así se manifesta na Disposición segunda como "lingua na administración educativa" e no Art. 10 onde se establecen "os Equipos de dinamización da lingua galega nos centros dependentes da Consellería".
- en Ed. Infantil, o profesor expresarase na lingua que fale o alumnado, coidando que adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra
lingua oficial de Galicia, dentro dos límites da etapa ou ciclo.
Para o que se consultará aos pais nas preinscricións.
Cada centro educativo deberá facer constar non seu proxecto lingüístico
de centro as actividades e estratexias de aprendizaxe empregadas para que
o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da lingua
oficial non predominante.
- en Educación primaria, as materias lingüísticas impartiranse na lingua
de referencia (Lingua Galega en Galego e Lingua Castelá en Castelán); Das materias Coñecemento do medio natural, social e
cultural e Matemáticas, unha impartirase en galego e outra en castelán (como na miña época, cando sempre estudaba Coñecemento en Galego e Matemáticas en Castelán, só que agora se elixirá cal en galego e cal en castelán); Cada centro
educativo decidirá a lingua en que se impartirá o resto de materias, establecendo un equilibrio nas horas
semanais ofertadas en galego, en castelán e en lingua(s) estranxeira(s).
- en Secundaria e Bacharelato, garantirase a adquisición da
competencia lingüística propia da etapa e do nivel nas dúas linguas oficiais
da comunidade autónoma e potenciarase a adquisición dunha
competencia efectiva en lingua(s) estranxeira(s), principalmente en lingua
inglesa. Con esa finalidade, establecer que un tercioo das horas semanais
ofértese en galego e outro tercio en castelán, e prevese que o tercio
restante se poida impartir en lingua(s) estranxeira(s).
Aseméllase á época en que eu estudei en infantil e primaria; agora, equiparando en Bacharelato e ESO o galego ao castelán, sumando unha necesaria lingua estranxeira, o inglés, na formación.
En definitiva. Comecemos pola base. O Decreto debe estar dirixido a todos e non a posicións excluintes duns ou doutros.