miércoles, 3 de agosto de 2011

Nava Castro e Cores Tourís visitan “Caracoles do Gallo” para estudar a súa posible incorporación ao certificado “Galicia Calidade”



Cotobade, 02 de agosto de 2011.- A directora xeral de Comercio, Nava Castro, visitou esta mañá a firma “Caracoles do Gallo” situada no concello de Cotobade acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, co obxectivo de estudar a súa posible incorporación ao certificado “Galicia Calidade”.

Ambos responsables autonómicos estiveron acompañados nesta visita polo alcalde da vila, Jorge Cubela, o director de Galicia Calidade, Carlos Vila e o xerente da firma, José Luis García.

Deste xeito, Nava Castro e Cores Tourís puideron comprobar o traballo que se está a realizar nesta explotación familiar que ten unha extensión de 23.000 metros cadrados, 12.000 deles de invernadoiros e o resto ao aire libre. A súa principal innovación é o sistema de produción, que lonxe dun proceso industrializado aposta pola semiliberdade dos caracois e por unha alimentación natural que garante unha gran calidade. “É precisamente esta calidade e excelencia pola que traballamos dende o noso certificado”, explicou Carlos Vila. “Agora a empresa ten que decidir se lle interesa entrar a formar parte do conxunto de produtos galegos que contan con este selo”.

Tal e como explicou o director de Galicia Calidade, “unha vez que a empresa tome a decisión de solicitar o seu ingreso, iniciaríase o procedemento e faríase unha auditoría para poder outorgarlle a certificación”. Todo este proceso tería unha duración de un mes e medio.

Pola súa banda, tanto Nava Castro como Cores Tourís destacaron a labor desta empresa “que supón un impulso económico para un municipio do rural como é Cotobade”.

Deste xeito, a Xunta, segundo apuntou a directora xeral, “continúa a apostar polo pulo das empresas do interior e por tanto, pola súa dinamización e pola loita contra o despoboamento do rural”.

“Tal e como puiden comprobar trabállase nesta firma coa variedade do caracol máis valorado no mercado, é dicir, o gran gris escuro”, asegurou a directora Xeral. “En esta explotación realízase todo o proceso dende a cría ao seu engorde e envasado final. É magnífico comprobar cómo, a pesar da crise, temos empresas que seguen a crecer xerando riqueza económica, o que, sen dúbida, debe ser todo un orgullo para Cotobade”.

Pola súa banda, José Luis García explicou que os caracois son alimentados con cereal, tanto millo coma trigo e por suposto con calcio, “xa que necesitan fortalecer a súa concha”. A explotación conta, ademais, con zonas de sombreo para que o sol non dea directamente aos animais e que poidan contar co grao de humidade idóneo “e que así estean nas mellores condicións. De feito, tamén instalamos mantas antiherba e zona de refuxios”.

Esta empresa produce, dependendo do ano, entre 9 e 12 toneladas de produto que se distribúe no mercado nacional “especialmente no Levante, en Madrid e Barcelona”.

Pola súa banda, o responsable da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra recordou que “sen dúbida, este produto pode axudar a potenciar economicamente ao concello de Cotobade”, xa que “Caracoles do Gallo” é unha das principais explotacións “non só de Galicia senón tamén de España”.