martes, 28 de junio de 2011



martes, 21 de junio de 2011

MEDIO RURAL ENTREGA OS TÍTULOS DA CONCENTRACIÓN PARCELARIA DE CARBALLEDO-REBORDELO



O departamento que dirixe Samuel Juárez investiu máis de 1.795.375 euros para a execución de toda a concentración parcelaria.


A finalización deste proceso permitirá a mellora das explotacións agrícolas e forestais e a modernización das vías de comunicación e accesos ás fincas


Cotobade, 21 de xuño de 2011.-


O director xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural, Antonio Crespo Iglesias, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo xefe territorial da Consellería, Gerardo Zugasti Enrique, entregaron esta tarde os títulos de concentración parcelaria da zona de Carballedo- Rebordelo , no concello pontevedrés de Cotobade.

Con este acto, que tivo lugar no pavillón municipal de deportes de Carballedo, ponse fin a un proceso de concentración parcelaria que permite reorganizar a propiedade en 480 hectáreas, pertencentes a 818 propietarios. Isto logrará mellorar as explotacións agroforestais e incidirá de xeito positivo na modernización das vías de comunicación e dos accesos ás fincas, elevando o nivel económico e social da zona, ademais de axudar a previr os incendios forestais.

Os traballos realizados permitiron agrupar fincas e reducir o seu número en máis dun 60%, para o que foi necesario un investimento de 1.795.374,91 euros, dos cales a meirande parte (1.274.158) corresponden á execución das obras na rede de camiños e ao acondicionamento das novas leiras.

Potenciar as explotacións

O director xeral de Desenvolvemento Rural destacou que coa finalización da parcelaria de Carballedo-Rebordelo, o Concello de Cotobade pasa a contar cun total de 1.226 hectáreas concentradas, e asegurou que “contribuirá a potenciar as explotacións, unha das principais fontes de riqueza e emprego da zona”.


Ademais, Crespo informou dos plans existentes de mellora das infraestruturas básicas para a poboación rural que supuxeron o investimento de 135.000 euros para a mellora de viais en A Redonda, O Casal, A Graña e Ceraxe.

sábado, 18 de junio de 2011

En Barro



Na Festa do Viño de Barro.

sábado, 11 de junio de 2011

Discurso de Investidura

Conselleiro de Presidencia, Ads. Públicas e Xustiza, Excmo. SR Dn Alfonso Rueda.

SR Alcalde Sainte, Manoel Loureiro Adán.

Sr. Ex Alcalde, Moncho Abal.

Concelleiras, Concelleiros.

Amigos e amigas.

Quero que as miñas primeiras palabras como Alcalde sexan darlle o recoñecemento do pobo de Cotobade ás únicas dúas persoas que foron electas na nosa xoven democracia Alcaldes do noso pobo, precedéndome no cargo e pondo todo o seu empeño en acertar, Moncho Abal e Manoel Loureiro.

Do mesmo xeito, quero agradecer á miña familia, a todos os veciños e ós meus amigos a súa presencia, sobre todo, nunha mención especial, á presencia de D. Alfonso Rueda, referencia política e persoal.

Nesta hora en que asumo a responsabilidade de rexir os destinos de Cotobade para os vindeiros 4 anos, quero transmitir a todos os homes e mulleres que habitan as terras do Coto do Abade, as Terras de Almofrei, Borela, Caroi, Corredoira, Aguasantas, Valongo, Loureiro, Carballedo, Rebordelo, Sacos, Viascón, Tenorio e S. Xurxo, que asumo este encargo coa irrenunciable vocación de servir a todos os veciños por enriba de ideoloxías e, para o cal, quero manifestar o meu profundo agradecemento pola súa confianza.

Antes que un todo conxunto, que é como nos podemos referir a ese suxeito político en que reside a Soberanía Constituinte do Estado, é dicir, España, ou antes que esa terra dos 1000 mil ríos como é a nosa terra nai, Galicia, na que pacen os bos e xenerosos dos versos de Pondal, atópase esa parte de nós, ese orgullo manifesto de ser veciño de Cotobade.

Teño conciencia do que significa este reto para calquera persoa que coñece o imaxinario colectivo dunha terra liderada por 13 parroquias, por séculos de historia e de ancestrais tradicións. Son consciente de que tan alta é a honra da oportunidade que me brindan os veciños como a responsabilidade que teño e terá o novo Goberno de Cotobade no futuro dos próximos 4 anos, xa que durante os vindeiros exercicios non deberei esquecer que debemos traballar para todos eles, para os veciños, para responder ante unha confianza maioritaria avalada e lexitimada polos votantes cunha participación histórica do 81% nas urnas.

Deste modo, asumo os principios de entendemento e de diálogo co grupo político da oposición presente nesta corporación municipal, porque esta Institución é o reflexo esencial da vontade popular e da nosa sociedade. A esa vocación fago valer, dende a convicción, o meu máis fondo respeto hacia todas as persoas que manteñen diferentes maneiras de entender a política e que non pensan coma min.

Son consciente de que soamente mediante a unidade e os consensos, máis nun momento no que moitas familias atravesan por situacións moi difíciles, daremos exemplo de entendemento e colaboración, pois o contrario non sería entendido por ninguén, por iso, solicito a todos os veciños que se sumen, que fagan propostas e nos fagan chegar as súas opinións para sumar mellores ideas a ese proxecto que tan só ten un nome: Cotobade.

É precisamente nesa vocación onde buscaremos os puntos de encontro cos nosos veciños, coa sociedade e co noso alrededor, buscando proxectos en común cos pobos do noso contorno: Cerdedo, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Forcarei ou A Lama, con Alcaldes que gozan da miña admiración.

O novo Goberno de Cotobade, que emana da vontade popular, buscará nas expresións do noso tempo e nos trazos que nos unen as respostas a moitas cuestións.

Con humildade, declaro que me honrou contar con 20 persoas que desinteresadamente auparon este proxecto ó poder. Gracias a Fernando, Jaime, María, Galiza, Javier, Julio, Fren, Mari, Nely, Marga, Nicasio, Juan Carlos, Chola, Bruno, Ruth, Casiano, Raquel, Jorge, Pepe e Miriam por estar ó meu lado.

Un equipo que firmou un contrato con todos os veciños mediante un programa de goberno elaborado en cada unha das parroquias, falando porta por porta e veciño a veciño.

Quixemos estar preto de vós, quixemos ser o lexítimo goberno dos que nos votasen e dos que non, dos que o fixeran ó PP, ao Psoe e ao BNG. Porque só os proxectos que son o reflexo das ansias e do sentir dos pobos son os que teñen máis posibilidades de lograr os éxitos e o recoñecemento das futuras xeracións.

Co exemplo dos nosos maiores, dos maiores do rural galego, contando coa experiencia dos nosos veteráns, coa fortaleza da nosa xuventude, e tendo presente o Estado de Dereito, respectando a lei e o principio de legalidade en prol da seguridade xurídica, Queremos participar no rexeneracionismo da vida pública en España, para que as nosas institucións de goberno non estean en entredito e para que deixen de acontecer sucesos en diferentes territorios de España, o que as éticas políticas de Kant e Montesquieu nos ensinaron a non empregar.

Dende o respeto á Constitución e ó Estatuto de Autonomía, Asumimos un proxecto de principios centristas, galeguistas e liberais.

Centristas, porque como dicía Aristóteles a virtude é o punto medio entre dous extremos, o centro podería ser hoxe esa virtude.

Galeguistas, porque “sendo Galegos non podemos ser outra cousa”, en palabras do propio Castelao. Dese xeito, queremos ser partícipes do proxecto de defensa da terra, da conservación das nosas tradicións e de revalorización da cultura e do noso idioma, que ó longo dos séculos fixeron valer os nosos devanceiros para conservar os alicerces nos que se fundamentan os nosos sinais de identidade, defendendo unha Galicia aberta, plural e unida en irmandade ós demais pobos da nación española, participando do proxecto constitucional que os españois nos demos no ano 78.

E Liberais, porque cremos na liberade e no individuo como eixes básicos da acción política.


Queridas veciñas e queridos veciños, este novo goberno terá sempre presente no seu día a día que en política as oportunidades soamente se dan unha vez, e que as obrigacións coma concelleiros non son cargos senón cargas, que non son os títulos os que dan nome ás persoas, senón que son as persoas as que dan nome ós títulos.


Sentímonos orgullosos de comezar colocando a Cotobade no mapa dende o primeiro día, de ser representantes desta terra, e de vir a servir a Cotobade e ós seus veciños.

Cubela dixo.


Viva Cotobade.