martes, 21 de junio de 2011

MEDIO RURAL ENTREGA OS TÍTULOS DA CONCENTRACIÓN PARCELARIA DE CARBALLEDO-REBORDELO



O departamento que dirixe Samuel Juárez investiu máis de 1.795.375 euros para a execución de toda a concentración parcelaria.


A finalización deste proceso permitirá a mellora das explotacións agrícolas e forestais e a modernización das vías de comunicación e accesos ás fincas


Cotobade, 21 de xuño de 2011.-


O director xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural, Antonio Crespo Iglesias, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo xefe territorial da Consellería, Gerardo Zugasti Enrique, entregaron esta tarde os títulos de concentración parcelaria da zona de Carballedo- Rebordelo , no concello pontevedrés de Cotobade.

Con este acto, que tivo lugar no pavillón municipal de deportes de Carballedo, ponse fin a un proceso de concentración parcelaria que permite reorganizar a propiedade en 480 hectáreas, pertencentes a 818 propietarios. Isto logrará mellorar as explotacións agroforestais e incidirá de xeito positivo na modernización das vías de comunicación e dos accesos ás fincas, elevando o nivel económico e social da zona, ademais de axudar a previr os incendios forestais.

Os traballos realizados permitiron agrupar fincas e reducir o seu número en máis dun 60%, para o que foi necesario un investimento de 1.795.374,91 euros, dos cales a meirande parte (1.274.158) corresponden á execución das obras na rede de camiños e ao acondicionamento das novas leiras.

Potenciar as explotacións

O director xeral de Desenvolvemento Rural destacou que coa finalización da parcelaria de Carballedo-Rebordelo, o Concello de Cotobade pasa a contar cun total de 1.226 hectáreas concentradas, e asegurou que “contribuirá a potenciar as explotacións, unha das principais fontes de riqueza e emprego da zona”.


Ademais, Crespo informou dos plans existentes de mellora das infraestruturas básicas para a poboación rural que supuxeron o investimento de 135.000 euros para a mellora de viais en A Redonda, O Casal, A Graña e Ceraxe.

No hay comentarios: