martes, 26 de abril de 2011

O PP de Cotobade súmase á concentración convocada polos veciños para esixir o remate das obras da N-541

Os populares alédanse de que “por fin, o alcalde dea a cara” ao lado dos veciños

O PP de Cotobade súmase á concentración convocada polos veciños para esixir o remate das obras da N-541

• Jorge Cubela incide en que “o PP seguirá defendendo sempre aos veciños de Cotobade” e reclama a implicación directa de Loureiro “que tiña que ser o que liderase as reclamacións ante o Goberno de Madrid e non ir a rebufo”


Cotobade, 26 de abril de 2011. –

O Partido Popular de Cotobade respalda, como xa fixera nunha asemblea veciñal celebrada en Viascón, a convocatoria promovida polos veciños desta parroquia, de Parada e de Tenorio para esixir o remate das obras da N-541.

O presidente local do PP en Cotobade e candidato á alcaldía, Jorge Cubela, amosou hoxe o “seu apoio total e o de todo o partido” a unha reclamación veciñal que consideran “de xustiza”. “Non é de recibo que a pouco menos de 2 anos desde que se abriu o socavón nesta estrada, os condutores que transitan por esta vía e os veciños do municipio sigan tendo que sufrir as consecuencias da parálise e da ineficacia do Goberno central e o esquecemento no que ten a este municipio”, asegura Cubela.

O candidato popular alédase de que “por fin, o alcalde dea a cara e se poña ao lado dos veciños”. “Non sabemos onde estivo ata agora”, asegura Cubela, para quen o rexedor local “tiña que ser o que liderase as reclamacións dos veciños e veciñas ante o seu goberno amigo de Madrid e o que se erguese en defensor dos intereses do seu pobo, que é ao que se debe, e non ir a rebufo da iniciaitva social”.

O presidente local dos populares, que asegura que “o PP seguirá defendendo sempre, como fixo ata agora, os intereses dos veciños e veciñas de Cotobade”, está convencido de que a concentración do vindeiro un de maio “vai ser un verdadeiro clamor, que esperamos que sirva para que, dunha vez por todas, se atendan as máis que xustas reclamacións dos veciños”.

Por iso, agarda que os veciños reciban o apoio de todos os partidos políticos “porque é moi importante a suma de forzas”.

domingo, 24 de abril de 2011

O PP de Cotobade renova ao 100% a súa candidatura

Cotobade, 22 de abril de 2011.-

O Partido Popular de Cotobade preséntase aos próximos comicios municipais de maio cunha candidatura renovada ao 100% con respecto á presentada nas eleccións municipais do 2007.

O candidato popular, Jorge Cubela, proposto por unanimidade polos militantes do PP de Cotobade nunha xuntanza celebrada en setembro, elixiu con total liberdade, e co apoio dos afiliados, aos integrantes da candidatura que o PP presenta no municipio.
Cubela intentou ademais que todas as parroquias do concello estiveran representadas así como a incorporación de membros de colectivos veciñais, culturais e deportivos do concello, e explica que “escolleu a xente que quere traballar por Cotobade, que están en contacto cos veciños, e que por suposto, coñecen os verdadeiros problemas do concello”. “Unha candidatura de 38 anos de media”.

A lista componse de 21 membros. Tralo primeiro e segundo posto ocupados por Cubela e Fernando Vázquez Corbacho, no terceiro posto figura Jaime Godoy Paz, natural de Tenorio, presidente da Comunidade de Augas da Laxe, membro da directiva das escolas deportivas de Cotobade e membro da banda de música de Tenorio.

O cuarto e quinto posto ocúpano dúas mulleres, María Pichel Lois, veciña de Viascón, diplomada em Ciencias Humanas e encargada da Biblioteca de Viascón, e Mª Galiza Aguete Dorrío, veciña de Valongo autônoma e licenciada en psicoloxía.

O neto do ex alcalde Moncho Abal, Javier Lois Abal, que traballa nos Almacéns de Tenorio Celso Míguez e vive en Caroi, figura no sexto lugar. O sétimo e oitavo posto ocúpano Julio Jácome Maias, de Borela e Fren Rivas Suárez de Sta. María de Sacos.
Nos números 9, 10 e 11 figuran tres mulleres, Mª Carmen López Gesteira e Nely Fernández Viñas, ambas de Almofrei e Margarita Rodríguez Arosa empregada na Piscifactoría de Carballedo e membro da Comunidade de Augas de Loureiro.

En canto aos suplentes figuran Nicasio Rivas Ogando de Aguasantas, Juan Carlos Pazos Barros de Fentáns, Mª Josefa Fontenla Rodríguez, autónoma da hostelería, Bruno Portela Leiro Borela, Ruth Barros Barros, Casiano Cuiñas Domínguez, Raquel Touriño Casal. Carballedo., secretaria de organización do PP de Cotobade, Jorge Diz Ventín, Jose Pichel Iglesias, ambos de Tenorio, e Miriam Tierno Rey.

O candidato á Alcaldía do Partido Popular dará a coñecer publicamente a candidatura do PP nos próximos días, cun acto aberto a todos os veciños de Cotobade.

miércoles, 6 de abril de 2011

• Os populares reuniranse o próximo sábado cos veciños de Parada e Viascón

Tras o accidente ocorrido esta mañá na N-541
O PP de Cotobade lamenta que a pasividade de Fomento ante o socavón da N-541 poña en risco a vida dos condutores
• Os populares reuniranse o próximo sábado cos veciños de Parada e Viascón

Cotobade, 6 de abril de 2011.–
O candidato popular á alcaldía de Cotobade, Jorge Cubela, denuncia que a pasividade do Ministerio de Fomento ante o socavón da N-541 en Viascón, estea a poñer en risco a vida dos miles de conductores que circulan a diario por esta estrada.

Tras varios accidentes ocorridos nesta vía, o último esta mañá, Cubela insta ao alcalde de Cotobade, Manoel Loureiro, a que esixa de maneira urxente a finalización desta vía, antes de que se produza unha traxedia na que haxa que lamentar consecuencias maiores. “Por sorte, no accidente ocorrido hoxe, non houbo feridos graves, pero non se pode esperar a que haxa un accidente grave para tomar medidas”.

Nesta liña, Cubela sinala que “é inasumible e vergonzoso que non se arranxara aínda un socavón que leva aberto case dous anos, a pesar de tratarse dunha estrada nacional pola que transitan miles de condutores ao día”, sinala Cubela.

O PP de Cotobade convocará aos veciños de Parada e Viascón a unha reunión o vindeiro sábado ás 20 horas, na casa do Pobo de Viascón para recoller as opinións dos veciños e apoialos se cren necesaria unha mobilización.

“Debería ser o propio alcalde o que esixira a actuación do Ministerio de Fomento, pero despois de tanto tempo está claro que, ou non lle fan nin caso, a pesar de que teñen a mesma cor política, ou está tan despreocupado por este tema que non esixe as responsabilidades que debería como alcalde”, “non se pode consentir que o Alcalde de Cotobade antepoña os intereses do seu partido que os do propio concello” conclúe Cubela.