martes, 26 de abril de 2011

O PP de Cotobade súmase á concentración convocada polos veciños para esixir o remate das obras da N-541

Os populares alédanse de que “por fin, o alcalde dea a cara” ao lado dos veciños

O PP de Cotobade súmase á concentración convocada polos veciños para esixir o remate das obras da N-541

• Jorge Cubela incide en que “o PP seguirá defendendo sempre aos veciños de Cotobade” e reclama a implicación directa de Loureiro “que tiña que ser o que liderase as reclamacións ante o Goberno de Madrid e non ir a rebufo”


Cotobade, 26 de abril de 2011. –

O Partido Popular de Cotobade respalda, como xa fixera nunha asemblea veciñal celebrada en Viascón, a convocatoria promovida polos veciños desta parroquia, de Parada e de Tenorio para esixir o remate das obras da N-541.

O presidente local do PP en Cotobade e candidato á alcaldía, Jorge Cubela, amosou hoxe o “seu apoio total e o de todo o partido” a unha reclamación veciñal que consideran “de xustiza”. “Non é de recibo que a pouco menos de 2 anos desde que se abriu o socavón nesta estrada, os condutores que transitan por esta vía e os veciños do municipio sigan tendo que sufrir as consecuencias da parálise e da ineficacia do Goberno central e o esquecemento no que ten a este municipio”, asegura Cubela.

O candidato popular alédase de que “por fin, o alcalde dea a cara e se poña ao lado dos veciños”. “Non sabemos onde estivo ata agora”, asegura Cubela, para quen o rexedor local “tiña que ser o que liderase as reclamacións dos veciños e veciñas ante o seu goberno amigo de Madrid e o que se erguese en defensor dos intereses do seu pobo, que é ao que se debe, e non ir a rebufo da iniciaitva social”.

O presidente local dos populares, que asegura que “o PP seguirá defendendo sempre, como fixo ata agora, os intereses dos veciños e veciñas de Cotobade”, está convencido de que a concentración do vindeiro un de maio “vai ser un verdadeiro clamor, que esperamos que sirva para que, dunha vez por todas, se atendan as máis que xustas reclamacións dos veciños”.

Por iso, agarda que os veciños reciban o apoio de todos os partidos políticos “porque é moi importante a suma de forzas”.

No hay comentarios: