jueves, 27 de enero de 2011

Os populares denuncian que o 82% do orzamento se destina a gasto corrente e persoal

Cubela denuncia a “parálise de Cotobade” debido á “nefasta xestión do bipartito”

• “Mentres os concellos do noso contorno medran, Cotobade leva catro anos totalmente durmido por culpa dun goberno que só se preocupa do seu peto”, sinala o presidente local do PP

• A falta de interese do bipartito no progreso do municipio evidénciase no feito de que no orzamento de 2011 baixan os investimentos mentres sobe o gasto corrente

• O orzamento de Cotobade incumpre ademais o principio de estabilidade orzamentaria


Cotobade, 27 de xaneiro de 2011. –

O presidente local do PP en Cotobade, Jorge Cubela, denunciou hoxe a “parálise total” á que o bipartito conduciu ao Concello coa súa “nefasta política económica”. A falta de investimentos nas parroquias é unha constante desde a chegada do actual bipartito ao poder e estase agravando máis nos últimos anos, como o demostra o feito de que nos orzamentos de 2011 se incrementen as partidas dedicadas a gasto corrente e persoal e se reduzan os investimentos.

Nesta liña, Cubela lamenta que o Goberno local sacase adiante unhas contas que destinan o 82% do orzamento a gasto corrente e a persoal, mentres que reduce notablemente os cartos destinados a obras e servizos.

Un “desequilibrio” motivado, segundo os populares, polos salarios que manexan membros do Goberno local, que condicionan ao resto das partidas orzamentarias e que só contribúen ao interese particular do alcalde e o seu equipo e non ao interese xeral do municipio”.

“Mentres os concellos do noso contorno medran, Cotobade leva catro anos totalmente durmido por culpa dun goberno que só se preocupa do seu peto”, sinala o presidente local do PP. Cubela lamenta que o Goberno local non teña “ningún investimento salientable do que falar no que vai de lexislatura, o que evidencia o fracaso da actual coalición PSOE-BNG”.

Cubela advirte ademais que, segundo o informe da interventora, o orzamento de Cotobade incumpre o principio de estabilidade orzamentaria polo que o Goberno local deberá elaborar e aprobar un plan económico-financeiro de reequilibrio a un prazo de 3 anos, ascendendo a necesidade de financiamento a cantidade de 118.404 euros.

“De cada 100 euros, só 18 irían destinados á prestación de servizos aos cidadáns ou a obras no municipio, un dato que fala por si mesmo”, lamenta Cubela.

miércoles, 26 de enero de 2011

Sotelo entrega un lote de material deportivo ó Caroi FC‏

Cotobade, 26 de xaneiro de 2010.


O deputado delegado de Deportes, José Enrique Sotelo, reuniuse esta mañá no Pazo provincial co presidente do P.P. de Cotobade, Jorge Cubela, e representantes do Caroi F.C. de Cotobade para facerlle entrega dun lote de material deportivo. Esta visita responde a unha demanda realizada por Cubela fai escasos días, cando se xuntou con Sotelo para falarlle das necesidades do Concello de Cotobade en materia deportiva.



O deputado provincial, ademais de entregarlle o material deportivo, informou ós representantes do Caroi F.C. das subvencións a entidades deportivas que ten Deputación e puxo de manifesto o seu compromiso de acudir persoalmente ó Campo de Fútbol de Caroi para coñecer de primeira man as melloras necesarias formuladas por Cubela na xuntanza da semana pasada.

miércoles, 19 de enero de 2011

CUBELA PROXECTA ENTRE AS SÚAS PROPOSTAS DE GOBERNO A CREACIÓN DUN CAMPO DE HERBA SINTÉTICA PARA COTOBADE

Cotobade, 19 de xaneiro de 2011.-

O deputado delegado de Deportes, José Enrique Sotelo, recibiu está mañá no Pazo provincial ó portavoz do PP de Cotobade, Jorge Cubela. Durante a xuntanza de traballo se abordaron, principalmente, temas relacionados co deporte no municipio de Cotobade.

En concreto, o representante local comentou que, de cara a lograr que as actuacións en materia deportiva en Cotobade sexan máis eficientes, incluirá na súa proposta electoral para as municipais de 2011 algunhas iniciativas neste eido. Entre elas, cómpre destacar a creación dun campo de herba sintética de última xeración, de características similares ás dos setenta que a Deputación está a instalar por toda a provincia.




A maiores, Cubela faloulle a Sotelo das necesidades máis perentorias do equipo de fútbol de Caroi, co que ten adquirido un compromiso de futuro para a realización dalgunha obra de mellora no campo, e do equipo de fútbol sala Tenorio FS, para o que solicitou a colaboración da Deputación con diferentes materiais deportivos.

Herba artificial de última xeración.

Os campos de herba artificial de última xeración que a Deputación está a instalar por toda a provincia, ofrecen unha serie de vantaxes con respecto ós de céspede natural, como son un menor custo de mantemento, maior aproveitamento horario e un uso máis intensivo sen que sufran deterioro, un comportamento similar ó do céspede natural con notables vantaxes de uniformidade, etc. Ademais, xa están recoñecidos para a práctica deportiva polos Organismos Internacionais correspondentes e de modo singular pola FIFA e UEFA.

70 campos de fútbol por toda a provincia.

A Deputación está a impulsar un plan pioneiro que posibilita a construción de máis de 70 campos de fútbol de herba artificial de última xeración repartidos por toda a provincia. Estas actuacións requiren un investimento duns 36 millóns de euros. Moitos dos 70 campos proxectados están funcionando xa a pleno rendemento.

viernes, 14 de enero de 2011

O PP lamenta o absoluto desprezo dos Gobernos socialistas polos veciños de Cotobade

  • Trala resposta do Goberno ás preguntas escritas formuladas polos deputados populares:
  • Os populares afirman que “con esta resposta o Goberno central amosa un claro intento de mentirlle aos veciños ou ben ignora o estado da estrada nacional ao seu paso por este concello”.
  • Calquera en Cotobade sabe que as obras levan 8 meses paradas”, sinala Jorge Cubela
    Os populares instan ao alcalde de Cotobade a que esixa do seu “Goberno amigo” un mínimo de respecto de cara aos veciños, “pero está claro que o rexedor local ten pouco peso dentro do seu propio partido”.

    Cotobade, 14 de xaneiro de 2011. –

O PP de Cotobade lamenta o “absoluto desprezo” que o Goberno central amosou cos veciños de Cotobade trala contestación ás preguntas escritas formuladas en novembro polos deputados populares, María Ramallo, Jesús Pérez Arca e Ana Pastor, tras comprobar in situ e acompañados por membros do PP local o “lamentable” estado da estrada nacional.

Os deputados nacionais preguntaron ao Goberno central que prazos se barallaban para a finalización do arranxo do socavón da N-541, a resposta recibida do Ministerio de Fomento foi “la carretera N-541 se encuentra actualmente en ejecución”, cando “calquera pode comprobar que nese punto do vial no se está realizando ningún tipo de obra desde hai 8 meses”.

Outra das preguntas formuladas polos populares foi se se incluíu a N-541 no PEIT do Ministerio de Fomento para a súa conversión en vía de alta capacidade tal e como se solicitou por unanimidade por todos os grupos representados no Parlamento de Galicia. O Goberno respondeu que “se está realizando una revisión del Plan Estratégico de Infraestructuras y Transporte (PEIT) y concretamente se está analizando la planificación viaria futura, en función de las prioridades y recursos presupuestarios”, sen incluír nin a máis mínima referencia da estrada pola que os deputados populares lle preguntaron.

O presidente do PP de Cotobade, Jorge Cubela, cualifica estas respostas como “unha broma pesada e de mal gusto” ao considerar que “ con estas respostas o Goberno central amosa un claro intento de mentirlle aos veciños ou ben ignora o estado da estrada nacional ao seu paso por este concello”.

“Os socialistas pretenden enganar aos veciños, pero calquera en Cotobade sabe que as obras levan 8 meses paradas. O alcalde socialista, Manoel Loureiro, debería esixir do seu goberno amigo, un mínimo de respecto de cara aos veciños de Cotobade, pero está claro que rexedor local ten pouco peso dentro do seu propio partido”, sinala Cubela.

Os populares critican a actitude “vergonzosa” amosada nos últimos meses polo rexedor local, que “non está facendo absolutamente nada por resolver este problema, desde que se abriu o socavón, o 8 de xuño de 2009 ” .

Neste sentido o PP local considera que tanto desde o “Ministerio de Fomento como desde o Goberno local están desprezando aos veciños e aos miles de usuarios que a diario pasan por esta vía”.

miércoles, 12 de enero de 2011

O PP de Cotobade denuncia o mal estado do Pavillón Municipal de Tenorio

• Jorge Cubela, reclama unha rápida actuación do Goberno local ante as lamentables carencias e problemas que presenta o polideportivo e que están a prexudicar a práctica diaria de deporte.

• A mellora das instalacións foi reclamada ademais polas entidades deportivas a través dun escrito que rexistraron no concello.

• A criterio dos populares “é denigrante que os equipos que adestran e xogan no concello teñan que gastar o seu orzamento para subsanar o problema dunha instalación municipal”.

Cotobade, 12 de xaneiro de 2010. –

O PP de Cotobade denuncia a pasividade do Goberno local ante o estado evidente de deterioro do Pavillón Municipal de Tenorio.
O Tenorio F. S. (feminino e masculino), así como o CAFYD e as escolas deportivas de Cotobade, nas que participan nenos e nenas do concello, son equipos habituais das instalacións deportivas, que levan tempo reclamando sen éxito ao concello a reparación inmediata do pavillón.

O presidente dos populares, Jorge Cubela, reclama unha rápida actuación do Goberno local ante as lamentables carencias e problemas que presenta o polideportivo e que están a prexudicar a práctica diaria de deporte. A mellora das instalacións foi reclamada ademais polas entidades deportivas a través dun escrito que rexistraron no concello.

Os populares instan ao concello a reparar os focos fundidos, xa que dificultan a práctica do xogo polas noites, así como a retirar ou subir a rede que adorna o teito do pavillón, que incumpre ademais a normativa que indica que a altura libre de obstáculos debe ser de 5 metros mínimo, xa que no centro do campo a altura da rede está a 4,5m.

Cubela apunta ademais a un problema de condensación e desperfectos na porta principal, como a ruptura da pechadura, e insta ao Goberno local a que aprobe de inmediato o regulamento de instalacións deportivas municipais.

O mal estado do pavillón provocou que o CAFYD, equipo que adestra e xoga nas instalacións deportivas de Tenorio, tivera que mercar as redes das porterías para poder competir na División Provincial, xa que os árbitros non lles permitían disputar os partidos.

A criterio dos populares “é denigrante que os equipos que adestran e xogan no concello teñan que gastar o seu orzamento para subsanar o problema dunha instalación municipal”.

“O Goberno local está prexudicando a práctica do deporte no noso concello e aos equipos e escolas deportivas que nel se ubican. A desaparición nos últimos anos de moitos equipos federados e a falta de apoio do Goberno local están a provocar que os nenos de Cotobade teñan que marchar ás escolas deportivas dos concellos veciños”.

lunes, 10 de enero de 2011

XUNTA E DEPUTACIÓN FIRMARÁN UN CONVENIO PARA A EXECUCIÓN DO PROXECTO DE ABASTECEMENTO DE AUGA DE VILANOVA EN TENORIO

Pontevedra, 08 de xaneiro de 2011

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o lugar de Vilanova na parroquia de Tenoiro en Cotobade invitado pola comunidade de montes da zona co obxectivo de coñecer in situ as necesidades de subministro de auga das máis de 80 vivendas da zona.

Na visita estivo acompañado polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Juan Durán, o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, o presidente da comunidade de montes e usuarios de auga de Vilanova, Antonio Castro e o portavoz do Partido Popular, Jorge Cubela.


Durante a visita, os representantes da Xunta e da Deputación anunciaron a firma inmediata dun convenio a tres bandas xunto á comunidade de montes do lugar co obxectivo de por en marcha este proxecto de abastecemento de auga “xa que son máis de 400 os veciños afectados por esta situación e que viven, día a día, con graves deficiencias no servizo de subministro de auga”, explicou Cores Tourís.

O delegado territorial respondeu así a solicitude da comunidade de montes quen, a través do portavoz popular, demandou unha visita do representante territorial ao lugar así como unha solución as deficiencias que sofren en relación a este servizo.

“Este proxecto é prioritario e moi necesario para os veciños do lugar que necesitan, de forma urxente, unha rede de abastecemento de auga”, engadiu o delegado territorial da Xunta quen confirmou que agora se estudará o proxecto realizado e presentado polos veciños na Delegación Territorial e “se farán as variacións necesarias para que poida executarse canto antes, xa que é no verán cando máis problemas de abastecemento sofren estes veciños”.

O proxecto presentado polos veciños, e que agora será revisado polos técnicos autonómicos, rolda os 63.000 euros e permitiría levar auga a todas as vivendas do lugar xa que suporía a execución da rede secundaria. Mentres, pola súa banda, a Deputación de Pontevedra encargaríase da execución do enlace da rede xeral ata o depósito.

Actualmente, esta poboación non dispón de rede de abastecemento de auga municipal polo que as únicas contribucións a tal efecto son as dos pozos artesáns, chegando a ter un pozo por vivenda como mínimo.

“O feito de non existir colectores de auga nin rede de saneamento complica a potabilidade da auga dos pozos e que no verán algúns destes pozos se sequen”, explicou o presidente da comunidade de usuarios de augas de Vilanova aos representantes da Xunta e da Deputación de Pontevedra.