lunes, 10 de enero de 2011

XUNTA E DEPUTACIÓN FIRMARÁN UN CONVENIO PARA A EXECUCIÓN DO PROXECTO DE ABASTECEMENTO DE AUGA DE VILANOVA EN TENORIO

Pontevedra, 08 de xaneiro de 2011

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o lugar de Vilanova na parroquia de Tenoiro en Cotobade invitado pola comunidade de montes da zona co obxectivo de coñecer in situ as necesidades de subministro de auga das máis de 80 vivendas da zona.

Na visita estivo acompañado polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Juan Durán, o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, o presidente da comunidade de montes e usuarios de auga de Vilanova, Antonio Castro e o portavoz do Partido Popular, Jorge Cubela.


Durante a visita, os representantes da Xunta e da Deputación anunciaron a firma inmediata dun convenio a tres bandas xunto á comunidade de montes do lugar co obxectivo de por en marcha este proxecto de abastecemento de auga “xa que son máis de 400 os veciños afectados por esta situación e que viven, día a día, con graves deficiencias no servizo de subministro de auga”, explicou Cores Tourís.

O delegado territorial respondeu así a solicitude da comunidade de montes quen, a través do portavoz popular, demandou unha visita do representante territorial ao lugar así como unha solución as deficiencias que sofren en relación a este servizo.

“Este proxecto é prioritario e moi necesario para os veciños do lugar que necesitan, de forma urxente, unha rede de abastecemento de auga”, engadiu o delegado territorial da Xunta quen confirmou que agora se estudará o proxecto realizado e presentado polos veciños na Delegación Territorial e “se farán as variacións necesarias para que poida executarse canto antes, xa que é no verán cando máis problemas de abastecemento sofren estes veciños”.

O proxecto presentado polos veciños, e que agora será revisado polos técnicos autonómicos, rolda os 63.000 euros e permitiría levar auga a todas as vivendas do lugar xa que suporía a execución da rede secundaria. Mentres, pola súa banda, a Deputación de Pontevedra encargaríase da execución do enlace da rede xeral ata o depósito.

Actualmente, esta poboación non dispón de rede de abastecemento de auga municipal polo que as únicas contribucións a tal efecto son as dos pozos artesáns, chegando a ter un pozo por vivenda como mínimo.

“O feito de non existir colectores de auga nin rede de saneamento complica a potabilidade da auga dos pozos e que no verán algúns destes pozos se sequen”, explicou o presidente da comunidade de usuarios de augas de Vilanova aos representantes da Xunta e da Deputación de Pontevedra.

No hay comentarios: