viernes, 29 de octubre de 2010

O PP de Cotobade denuncia a despreocupación do Goberno local ante a paralización da obra da N- 541

• “A obra leva preto de 6 meses parada pola falta de compromiso do Ministerio de Fomento e a permisividade e pasividade do Goberno local co seu goberno amigo do PSOE”.

Cotobade, 28 de outubro de 2010. –

O PP de Cotobade denuncia a “despreocupación e a ineficacia” do Goberno local ante a paralización da obra de reparación da estrada N-541 ao seu paso por Viascón.

Os populares cualifican como “totalmente lamentable que cando se están a punto de cumprir dous anos e medio do desprendemento da N-541, só estea executado o 50% da obra, xa que “leva preto de 6 meses parada pola falta de compromiso do Ministerio de Fomento e a permisividade e pasividade do Goberno local co seu goberno amigo do PSOE”.


Desde o PP local consideran “preocupante que o alcalde, o socialista Manuel Loureiro, nunca esixira o impulso definitivo desta obra, nin mediara de maneira firme entre o Ministerio de Fomento e a empresa adxudicataria, a pesar de que os problemas con esta obra veñen desde o primeiro día”.

A mellora desta estrada, de competencia estatal, é unha demanda reiterada e constante desde hai varios anos, agravada desde o gran socavón que se produciu no 2008, e que continúa sen acabar pola “tranquilidade e a deixadez” do Goberno local que nunca deu pasos firmes que permitiran o remate final dunha obra que “xa nos cheira a todos os que pasamos a diario por esta estrada”.

Ante esta situación e as constantes peticións dos veciños, os populares esíxenlle ao Goberno local que explique o porqué da súa “pasividade ante a paralización desta obra e que axilice, coa maior brevidade posible, os labores de arranxo”, máxime tendo en conta que se trata dunha das vías de comunicación máis importantes da provincia, ao servir de enlace entre a capital e os concellos de Cotobade, Cerdedo, Forcarei e a área do Deza.

No hay comentarios: