domingo, 18 de julio de 2010

Despois das "Dúas", está a Terceira España

Hoxendía os nosos dilemas resólvense xeralmente de maneira pacífica, aínda que non sempre ocorreu isto na nosa historia.

As situacións políticas de crispación e división adoitaban resolverse coa indecente interpretación das armas e a forza contra os declarados como subversivos ou, simplemente, contra os que pertencían a bandos ideolóxicos diferentes.

Se por algo debemos render tributo é por nacer nunha época de gloriosa liberdade de expresión.

Sempre se falou das históricas dúas Españas como dunha relación a matar que foi real e que marcou, posiblemente, a máis cruel e terrible descrición da España recente, como o foi a Guerra Civil, quedando no medio esa España que buscaba a prosperidade, a que eu chamo a terceira España.

Esa España que se quería sumar ás nacións cun réxime liberal e constitucional que respetase os dereitos fundamentais e as liberdades públicas, esa España que para min é na que vivimos agora.

A España que puxo en escena a Separación de Poderes (agora moi cuestionada); a reposición da soberanía nacional; e o recoñecemento da diversidade e pluralidade de todos os pobos de España con feitos diferenciais como as dispares linguas, culturas e tradicións que existen.

É o bando ao que pertenzo hoxe, a esa España que lle permitiu á miña terra, Galicia, ter o que lle debe ser propio, o autogoberno das súas administracións políticas e a protección da súa existencia como pobo, sen exclusións nin confrontacións contra os nosos irmáns do resto de España.

No hay comentarios: