martes, 17 de agosto de 2010

In memoriam. Bóveda.


Por circunstancias da vida eu teño a honra de ter na miña casa o manifesto orixinal en fotocopia da fundación do PG na Provincia de Pontevedra (Fundado por Castelao e Bóveda) incautado pola policía en 1936, asinado por figuras que me enchen de emoción cando investigo sobre as súas obras.

Figuras como a de Bóveda son os verdadeiros símbolos das reivindicacións galeguistas para o autogoberno da nosa terra, o recoñecemento da nosa cultura e o noso progreso... tales figuras son patrimonio de tódolos galegos, sen exclusións, xa que todo galego merece ter o dereito a defender a Bóveda, á súa persoa, obra e figura, por iso, creo que é un grave erro que certas organizacións políticas fagan demagoxia coa súa persoa, apropiándose dun dos iconos máis vencellados ao pobo galego, porque a súa laboura xa non pasa desapercibida para ninguén.

Parece que ningún partido máis que o BNG pode reivindicar a súa figura, para a que tan só falta que lle den carnet de militancia sobre a súa tumba, cando todos sabemos que os principios de Bóveda ao igual que os de Castelao defiren moito do leninismo e do independentismo da UPG, sector patriarca en Galiza Nova e no BNG.

É respetable e ata admirable que se ensalce a figura de Bóveda por parte do BNG, pero o que non pode ocorrer hoxendía é que se queira patrimonializar de maneira partidista todo o galeguismo.

A súa obra céntrase nas reclamas autonomistas para Galicia, nunca excedendo o tono galeguista hacia imposicións independentistas, e disto hai escritos que así o recoñecen referíndose a Galicia dentro do Estado español... O seu catolicismo confeso e as súas ideas conservadoras creo que non pegan moito nunha ideoloxía próxima ao marxismo.

Non é hoxe o día no que me deixa de tremer a miña carne cando leo e releo o proceso condenatorio que o levou ao seu fusilamento de maneira cobarde, vil e cruel.
Quen fora o membro central da comisión redactora do Estatuto no Comité de Autonomía, motor do PG e deputado nacional nas cortes republicanas foi detido polos militares insurrectos sen cometeres ningún delito máis "que o de servir a Galicia, a miña patria..."

Bóveda é unha das persoas que con máis valentía se enfrontou ao seu destino e agardo que algún día todas aquelas persoas que morreron inxustamente como el polo único delito de defender as súas ideas sexan levados á memoria da cidadanía sen intrumentalizacións políticas por parte de ningún partido e de ningunha lei que trate de facer mortos bos e mortos malos...

"Nunha guerra entre irmáns non hai vencedores, tan só vencidos..."

3 comentarios:

Tevye dijo...

Ola Jorge, logo de moito tempo sen entrar no teu blog, hoxe nun anaco entro e vexo esta entrada onde te recreas na teima de sempre da patrimonialización do galeguismo por certos sectores.
Imos ver, ti mesmo sinalas que Bóveda foi "motor do PG", de feito, participou na asemblea constituínte do PG de Pontevedra alá por xuño do 31, baixo o nome de Grupo Nacionalista Galego de Pontevedra.
E é que esta xente sempre tivo clara unha cousa: decláranse nacionalistas porque Galiza é unha nación.
Remitámonos ao que constituiría o corpus teórico central do nacionalismo dese momento, a "Teoría do nacionalismo galego" risquiá, onde sinalaba que se empregaba a "verba nacionalismo pra desiñal-o corpo de doutrinas que informan teodo movimento de reivindicación da persalidade dos grupos naturaes por frente da soberbia dos Estados históricos", considerando eses estados como construcións artificiais, non correspondentes coas comunidades nacionais froito do devir da propia historia humana.
E pensemos no que dicía Vilar Ponte na obra "Pensamento e sementeira": "non hai politiquiño dos da nosa Terra, nin xornal caciquil que se non chame galeguista. ¡Todos galeguistas! Cando nós escribimos por por primeira vez aquela verba, pensamos: como o de nazonalismo asusta a moitos aínda, en troques de nazonalismo digamos algunhas veces galeguismo. E a cousa terá de ser igoal no fondo. En Cataluña hai catalás (cantos nasceron naquelas terras) e hai catalanistas. Catalanistas quer dicir nazonalistas; pois inventamos a mesma verba pr'ós galegos partidarios da autonomía integral con todal-as súas consecuencias. Mais xa fica dito que acó ninguén deixa de chamarse galeguista. Rexionalismo e galeguismo, pois, pra nós dende esto carecen de valore. Son verbas mortas e fan falla verbas vivas. Son verbas pr'ós que din moi ocos estas parvadas de comedia: 'el regionalismo bien entendido'" Nótese a semellanza co 'galeguismo ben entendido' do que falan decote persoeiros do partido no que militas.

Bóveda era nacionalista, e tíñao moi claro, cando alá polo 31 participou como membro da 'Seizón de Cencias Sociaes, Jurídicas i'Económicas do Seminario de Estudos Galegos' na redación do do "Anteproyeito de Estatuto da Galiza", que no seu artigo primeiro sinalaba de xeito concreto que "A Galiza é un Estado libre dentro da Repúbrica Federal Española", sinalando no segundo que "Non poderán desempeñar na Galiza cárregos púbricos os que non coñezan a lingua galega", non sei como lle sentará isto aos defensores da política lingüística do actual goberno da Xunta. Un estatuto que non deixa de referirse á Galiza como Estado, que fala das "côres nacionaes" galegas. Un estatuto que sinala como competencas do "Estado Galego" no seu artigo 29 o "Réjime tributario", a "Justiza", o mando da policía, o "ensiño en todol-os seus grados", o "réxime dos institutos de Banca e Creto", a lexislación civil...

tevye dijo...

Bóveda era nacionalista, e tíñao moi claro, cando alá polo 31 participou como membro da 'Seizón de Cencias Sociaes, Jurídicas i'Económicas do Seminario de Estudos Galegos' na redación do do "Anteproyeito de Estatuto da Galiza", que no seu artigo primeiro sinalaba de xeito concreto que "A Galiza é un Estado libre dentro da Repúbrica Federal Española", sinalando no segundo que "Non poderán desempeñar na Galiza cárregos púbricos os que non coñezan a lingua galega", non sei como lle sentará isto aos defensores da política lingüística do actual goberno da Xunta. Un estatuto que non deixa de referirse á Galiza como Estado, que fala das "côres nacionaes" galegas. Un estatuto que sinala como competencas do "Estado Galego" no seu artigo 29 o "Réjime tributario", a "Justiza", o mando da policía, o "ensiño en todol-os seus grados", o "réxime dos institutos de Banca e Creto", a lexislación civil...
Un estatuto que en definitiva era herdeiro directo do acordado naquela asemblea luguesa da Irmandade Nazonalista Galega no ano 18, na que se falaba da autonomía integral para Galiza, da constitución dunha Federación Ibérica, a abolición das deputacións provinciais, a idea da abolición dos exércitos permanentes (teñamos en conta o contexto de guerra mundial no que se insire), a redención dos foros, a repoboación florestal forzosa, a intervención no réxime bancario, a nacionalización dos "camiños de ferro", a soberanía da Nación Galega "sobor das construciós urbanas e ruraes, ditándose unha lei que obrigue ós propietarios a axeitare o estilo das súas construciós ó estilo xeneral de cada vila galega"...

tevye dijo...

O anteproxecto do 31 bebe directamente desa base, e como podes ver moitos dos puntos do articulado non coinciden con aquilo que dis de "ideas conservadoras". Esa xente pronto tivo claro que a crenza relixiosa non ten que rifarse coa tendencia política, de feito eles mesmos sinalaban que o estado debíalle "proporcionar a todol-os cibdadáns os meios necesarios pra o seu preno desenrolo espritoal". E moitas das medidas que pretendían facer efectivas bebían directamente do marxismo-leninismo, pretendendo converter ao campesiñado en axente transformador, non en suxeito pasivo do cambio.

É ben certo o que dis, a obra dos nacionalistas do Partido Galeguista é unha herdanza para tod@s @s galeg@s. Pero permíteme que ao tempo que lembro o traballo daqueles nacionalistas me lembre tamén o que dicía Castelao: "Non lle poñades tacha á obra mentras non se remata. O que coide que que vai mal que traballe nela; hai sitio pra todos".
Si, a súa obra é herdanza de tod@s @s galeg@s. Pero tamén é unha obra sobre a que moit@s cuspen cando retoman aquelo que xa dicía Jaime Solá no 19 nunha carta a Losada Diéquez, Noguerol Buján e Risco, cando dicía que "los nacionalistas gallegos viven fuera de la realidad cuando sostienen la precisión de cultivar el idioma gallego en una forma que supone la muerte de la lengua española".
Non sei a ti, pero a min moitas veces dame a impresión de que moitos dos que din que que malos son os nacionalistas que pretenden patrimonializar a figuras como Bóveda ou Castelao, son máis herdeiros do señor Solá que dos propios Boveda e Castelao.

Saúdos,
Tevye.