viernes, 3 de febrero de 2012

A piscifactoría de Carballedo consolida a súa contribución á recuperación do salmón nos ríos de Pontevedra cunha produción de dous millóns de xuvenís

Cotobade (Pontevedra), 3 de febreiro de 2012.-




A piscifactoría de Carballedo, situada no concello pontevedrés de Cotobade, constitúe unha parte fundamental dos traballos de conservación do salmón atlántico, unha especie propia de Galicia, sobre todo das Rías Baixas, que estaba sufrindo un forte descenso da súa poboación.

Nos anos 90 comezou un labor de cultivo e repoboación por parte da Xunta que permitiu que dende o 2000 se note unha recuperación da poboación. Así segundo explicou hoxe o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernánde, durante a visita ás instalacións da planta –onde se está a desenvolver actualmente o proceso de desova- , a produción de salmón na piscifactoría de Carballedo nos últimos 13 anos case alcanza os dous millóns de xuvenís. Ademais, no último ano soltáronse algo máis de 260.000 xuvenís en distintas fases, a partir de máis de 50 reprodutoras estabuladas, sobre todo para os ríos Lérez, Ulla e Miño. Como media, podemos sinalar que aproximadamente un 13% (1 de cada 7) dos salmóns que remontan estes ríos teñen a súa orixe na piscifactoría de Carballedo. De feito, os datos do ano 2011 procedentes dos inventarios e das estacións de captura son esperanzadores.

Na actualidade a piscifactoría de Carballedo constitúe unha parte fundamental dos traballos de conservación do salmón Atlántico en Pontevedra. Desde 1997, ano no que as repoboacións de salmón se comenzaron a realizar masivamente, todos os salmóns soltados desde Carballedo van marcados. Este feito, unido ao labor realizado tanto nas estacións de control de peces migratorios de Ximonde (río Ulla) , Bora (río Lérez) e a Freixa (río Tea) como mediante o control das pesquerías nos ríos Ulla, Lérez e Miño, os inventarios piscícolas que anualmente se realizan nestes ríos e a colaboración cos organismos estranxeiros e nacionais para a comunicación de recapturas fóra da comunidade galega, permite realizar un axeitado seguimento do efecto destas repoboacións sobre a poboación do salmón.


Repoboacións de xuvenís de salmón por concas, procedentes da Piscifactoría de Carballedo

Lérez Baixo Miño Ulla Outros Total
1997 8.021 - 20.785 - 28.806
1998 13.690 - 20.109 2.500 36.299
1999 22.768 7.063 26.532 - 56.363
2000 66.362 14.474 56.210 - 137.046
2001 31.513 59.595 54.925 - 146.033
2002 78.717 76.763 146.582 - 305.499
2003 154.677 17.116 68.875 - 240.668
2004 44.595 24.120 28.860 5.573 103.148
2005 60.634 13.788 32.895 - 107.317
2006 143.350 16.082 45.854 - 210.649
2007 22.911 - - 5.363 22.911
2008 69139 71158 126335 266.632
2009 121794 22101 132131 276.026
2010 154677 42414 68875 1500 267.466
2011 125678 14610 119917 260.205
Total 838.171 300.159 627.962 13.436 1.937.397

Todos estes xuvenís de salmón son marcados ao obxecto de estudar o efecto das soltas sobre as poboacións naturais, desta forma dende 2002 ata a data recapturáronse preto dun millar de adultos marcados, a maioría (85%) no río onde foron soltados, aínda que tamén se produciron recapturas en ríos afastados de Galicia como o Bidasoa ou noutros máis próximos como o Eo ou o Esva. Mediante a colaboración con diversos organismos internacionais tamén se obtiveron recapturas de salmón no mar, varias delas nunha pesqueira da costa oeste de Irlanda, dous na costa oeste de Groenlandia (a 4.000 Km de Galicia) e un no Mar de Noruega (ao noroeste de Islandia).

Perspectivas de futuro
O conselleiro de Medio Ambiente explicou durante a súa visita que tras a consolidación de Carballedo como un moderno centro de cría de salmón atlántico integrado dentro dos traballos de conservación desta especie no seu límite sur de distribución en Europa, é preciso consolidar o establecemento das liñas de cultivo de troita autóctona de diferentes zonas da provincia e continuar co estudo da viabilidade dos repoboacións con reo.