miércoles, 11 de marzo de 2009

Despois das eleccións...

Despois de quedar debuxado un arco político a prol do cambio na nosa terra, o Partido Popular gobernará Galicia case catro anos despois outra vez.
Foi salientable a escasa -por non dicir nula- rentabilidade do goberno bipartito por parte do bloque e do psoe.

Tres foron os conquistadores do afamado 5% galego, ó cal lle dedicarei algún artigo cando este portátil envellecido recupere o frescor e a utilidade que me deu nestes últimos anos.

Coa baixada do bloque, Galicia se cabe é menos nacionalista? pode ser que sí.
Outra cousa ben distinta é afirmar que a sociedade galega camiña hacia o abandono da defensa da nosa cultura, do noso idioma nai e das nosas tradicións.

A partir de agora tratarei con máis asiduidade o tema da derogación do decreto, do que moitos falan sen ter un mínimo coñecemento de leis e demais desvaríos dos nosos lexisladores, tan dados a estas premisas.

Escoito a cotío nestes días de amplios raios de sol para Galicia que o PP vai eliminar a Lei de Normalización Lingüística, confundindo o decreto feito polo bipartito cunha lei que gozou dunha gran saúde sempre.

O PP foi sempre o defensor da compatibilidade de ser galego con ser español, e de ser bilingüe, é dicir, aprender, falar e expresarse en galego e en castelán.
Escarállome cando me din que non sei en qué partido milito. Eu o sei, doutros xa non tanto que se mostran capaces de meter no mesmo saco a galeguistas con nacionalistas e independentistas. Estou no partido do que un día foi Presidente Albor, despois Fraga e agora Feijoo. No que nos seus estatutos se define como centrista, reformista e para min o máis importante, galeguista. Nun partido que aposta pola liberdade, pola tolerancia e o respeto ós demais. Asumo e defendo o compromiso galeguista de Alberto Núñez Feijoo, é o meu presidente e a quen lle debo lealtade. Eu non defendo con isto teses revolucionarias, simplistas ou afastadas do gran sentir da sociedade galega. Defendo, en parto ou en todo, o que se defendeu sempre dende o partido popular de Galicia. Aquel galego coma ti co que Fraga se presentou no 89 non era un simple lema, era toda unha declaración de intencións e de vontade hacia a nosa historia.


Á xente o que lle cabrea non é falar galego, é que llo impoña un determinado partido político minoritario (hai que tirar de datos?) que se pasou a idea do bilingüismo harmónico "por el arco de Tito" e que se está a inmiscuir no galego que se fala en Galicia pola introducción da normativa de mínimos e demais reintegracionismos lingüísticos... somos máis galegos por dicir "grazas" ou "Galiza" e demais intrommisións na nosa lingua? eu respeto a quenes o din, pero non se pode permitir que os que dicimos Galicia ou gracias sexamos considerados "desviados".

Non adiantemos acontecementos co tema lingüístico. Hai un sentir social que non acepta recibir imposicións ou adoctrinamentos ideolóxicos sobre o máis noso, mais tampouco creo que vulnerar o Estatuto de Autonomía en relación coa toponimia galega sexa un gran recurso, recuperar terminoloxías como Sangenjo (sería Sanginés por cierto) ou Rianjo... Sí que sería contraproducente.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Nótote abandonando vellas formas de expresión máis suaves e máis sabias. Se alguén di que o PP vai derrogar a LNL de 1983 non é outro que o colectivo Galicia Bilingüe, ao que xa non lle chegada só o Decreto 124/2007 senón a lei que impide a segregación do alumnado galego por idioma. Non sei sabes de leis ou non, pero de lingua algo menos porque iso dos mínimos e dos reintegracionaismos varios non é un tema que inventara o BNG xa que arranca do século XIX, concretamente, do debate entre foneticistas e etimoloxistas. Dende os tempos de Saco e Arce pasando por Xohan Vicente Viqueira, Guerra da Cal e don Ricardo Carvalho Calero o reintegracionismo é unha corrente filolóxica con non poucos argumentos científicos na súa man. Como ves, eu non o son, pero falo do que sei. O "grazas" aparece na modificiación das normas que data de 2003, con Manuel Fraga no poder, e correspóndelle á RAG sancionar os cambios. Como ben sabemos, non se pode dicir que a RAG sexa moi progresista. O Galiza é unha forma lexitima, non só por estar documentada historicamente senón por se manter viva na literatura e én determinados sectores culturais. Facer disto toda unha declaración ideolóxica como a que fas faite confundir o touciño coa velocidade.

En todo caso, véxote bastante airado nos últimos tempos, non sei se por contaxio da dura campaña na que vos botou unha man o ABC, La Voz ou Intereconomía (pero sobre todo o bipartito) ou se por tedes que facer méritos de cara a entrar na administración popular.

Saúdos
PD: outro día falamos de leis lingüísticas, de supostas imposicións, etc. ou é que só sabedes falar os avogados de tales cousas? E o sentido común? Contra un Pp que avoga por dous monolingüismos, algúns pedimos un sistema educativo bilingüe, cohesionador, enriquecedor. De que parte estás?

Anónimo dijo...

Boas Nel.

Cando un goberno fai o que fixo o bipartito e sei que que non responden ós obxectivos polos que foron votados dígoo claramente e sen paliativos.

O PP foi á oposición fai catro anos por algo e iso fíxolle reflexionar sobre algúns aspectos, dos que creo que o bipartito, sobre todo Quintana tomou boa nota para poñer en práctica en triplicalo, como a rede clientelas e de amiguismo que se asentou noas consorcios do Bloque.

Polos mesmos erros e por outros máis que xa denuncie este bipartito foi duramente castigado nas urnas.

Se eu espero algo¿? agradézoche a suxerencia, pero aquí un fillo de traballadores primeiro ten que acabar a carreira, que eu non me apelido nin Táboas nin Touriño; non che digo Feijoo porque el provén dunha familia moi humilde dos Peares, e foi un home coma moitos outros do PP que se fixo a si mesmo.

Eu non boto contra os que non saben de leis, é máis, precisamente é unha crítica contra alguna muller do meu partido que se manifestou neses termos, confundindo o decreto coa LNL.

Creo que non entendiches en nada a dirección do artigo, que foi un aviso a navegantes no pp, proclives en recuperar vellas ideas de Alianza Popular e non en manter aquel espírito de Gelgo coma ti que un día fixo a Fraga Presidente de tódolos galegos.

Galicia Bilingüe non é o PP. O PP é o abánico de 100 mil militantes en Galicia e ante ninguén máis hai que rendir contas.

Fíxate que Galicia Bilingüe formouse entre o profesorado primeiro, non entre outros sectores tradicionais da dereita. Precisamente foron as políticas do Bloque, algunhas próximas a ERC ás que fundamentaron o resurxir dun pequeno nacionalismo español, que en nada beneficiará á nosa cultura (galega).

Sí, o reintegracionismo terá base científica, pero eu falo galego común, non ningún importado para camiñar hacia "o idioma da nazón".

Entendo que o tema do decreto non será doado, pero aínda non hai nin goberno...

Prudencia e atención.

Se hai algunha cuestión que non che respondín dimo.

Unha aperta

Anónimo dijo...

Grazas pola resposta. O PP non formou goberno pero vai dando pasos e anunciando medidas día tras día, ben porque lles poñen os micrófonos diante a Rueda, Feijoo ou Negreira ben porque se trata de ir avanzando algunhas cuestións de cara a responder aos votantes e manter a expectación. Co da lingua Feijoo e Rueda lanzáronse de cheo, dunha maneira máis extrema ante FJL o outro día, doutra menos clara e máis ambigua ante os medios de aquí. A liberdade de elección supón propoñer un sistema de dous monolingüismos ao que eu lle sumaría unha terceira vía dos que opten polo 50% e así até o infinito. Ante iso, non estaría de máis aplicar un sistema bilingüe ao 50% no que son os claustros, en función do perfil do profesorado, o qe debe decidir. Doutra maneira véxoo totalmente inviábel (con -bel lusista?). GB parte de dous profesores, un deles fillo dun histótico militante da UPG. No ensino tamén hai unha dereita extrema e unha dereita civilizada e europea ao igual que hai todo o abano plural da sociedade. ESte colectivo parte con apoios importantes de certos sectores económicos e políticos de Vigo e o seu discurso, pragado de mentiras e demagoxia, parte da chegada do bipartito ao goberno, non de antes cando gobernaba Fraga.

Sei que es fillo de traballadores pero, se cadra paseime, hai outros colocándose a unha grande velocidade sen dicir nin a metade de cousas que ti dis, xa non digo guiadas pola reflexión como as túas. Non quero mirar para ninguén pero poderiamos buscar no santiagués Pazo de Raxoi ou nos entre os blogues máis loiros da rede (xa me entendes).

Mala noticia se Cultura e Educación se funden nunha consellaría, acabo de escoitalo na radio, ou se as superdelegacións serven como trampolín para as alcaldías.

En fin, falaremos cando as cousas cobren corpo

Anónimo dijo...

Estás no teu blog e fas o que che da a gana, incluso podes borrar este comentario. Evidentemente non tes por que contestarme, xa que nin me coñeces, pero gustaríame volver sobre unha pregunta que che fixen pasadas as eleccións e que quedou sen resposta. Trátase do seguinte comentario:


Parabéns á dereita/centro-dereita galega, parabéns a ti tamén.
Eu, persoalmente lamento moito o resultado, pero foi unha victoria moi clara e non podo máis que aceptala.

Unha reflexión: Levades 3 anos e medio decindo que o PP gañara as eleccións anteriores e que polo tanto debería ser o PP quen gobernase xa que bipartito non era máis que a unión de perdedores.

Por outro lado, en Euskadi é máis que previsible que sendo o PNV quen gañou as eleccións, sexa o PSE-PSOE quen goberne (con máis ou menos apoio explícito do PP).

Non cres que a vosa argumentación se cae agora, que lle falta consistencia ó tantas veces repetido da unión de perdedores?

(por certo coa mesma porcentaxe que na Galiza nas eleccións anteriores, 25+13 escanos).

Anónimo dijo...

Alberte perdón pola non contestación, é que en febreiro a todo non din e soamente actualizaba o blogue sen máis paradas nen lecturas.

Tes toda a razón, é unha incoherencia tal e como dis neses supostos. Pero está dentro do xogo. Acórdome dunhas declaracións de Rajoy fai catro anos recoñecendo o pacto bng psoe, pidindo mesura a ese pacto.

Pero o que ocorre no País Vasco é o mesmiño que ocorreu fai catro anos no noso país e que se tería repetido se o PP se quedase ás portas da maioría, cun resultado moito maior que o PNV. Polo tanto, creo que non é o mesmo. Algo parecido acontece en Cataluña, Baleares, etc... onde a forza máis votada non goberna.

Eu defendo que goberne a Lista máis votada, pero para iso cómpre un cambio na forma de goberno ou na modificación da lei electoral.

Nun sistema parlamentario vótase a un parlamento que logo elixe a un presidente. Así que son as forzas parlamentarias nos seus despachos as que deciden quen lles convén máis para gobernar.

Eu non defendo tanto a lista máis votada nos parlamentos como sí nos concellos, onde hai casos aberrantes que por 12 o 13 votos non se poida gobernar pola lei de Hont.

Unha aperta.