miércoles, 21 de abril de 2010

Os tres partidos discutirán sobre un novo Estatuto galego na USC


Noticia no XORNAL DE GALICIA sobre o debate que a Asociación FORO ALUMNOS DE DEREITO CON PRESENCIA MAIORITARIA NA FACULTADE ORGANIZOU HOXE.


fai click aquí

“Este acto demostra que os estudantes estamos comprometidos co tema”, din os organizadores.

Un dos feitos colaterais de que o pleno do Tribunal Constitucional non fose quen de chegar a emitir unha sentenza sobre o Estatut catalán a pasada semana e de que se enrocase aínda máis a situación que vive o texto, que leva en mans do Alto Tribunal dende 2007, foi que Galicia comezase a discutir de novo sobre a necesidade de abordar ou non unha reforma estatutaria. O PP sempre foi partidario de esperar a coñecer a sentenza do TC para comezar unha nova reforma. Non obstante, o tempo vai pasando sen que se albisque unha decisión do Constitucional e sen que en Galicia as forzas políticas comecen a debater.

Neste escenario, a asociación estudantil Foro Alumnos de Dereito (FAD) organizou un debate sobre “A vixencia e a Reforma do Estatuto de Autonomía” que terá lugar ás 16.15 desta tarde na Facultade de Dereito da USC e no que participarán deputados das tres forzas políticas do arco parlamentario galego.

Pedro Puy Fraga polo PPdeG, Camilo Nogueira polo BNG e José Manuel Lage Tuñas polo PSdeG participarán nun debate que estará moderado polo catedrático de Dereito Constitucional Antonio Carlos Pereira Menaut. “O que pretendemos é contrastar as diferentes opinións das forzas políticas galegas en torno á actual situación que vive no noso Estatuto e se é necesaria ou non unha reforma da nosa norma autonómica fundamental”, explica Jorge Cubela, estudante e presidente do Foro de Alumnos de Dereito.

“A verdade é que para nós é moi importante acometer este debate que encadramos dentro dun ciclo sobre actualidade xurídica”, explica Cubela, quen asegura que non tiveron “ningún tipo de problema” para poñerse en contacto cos representantes das tres grandes formacións políticas de Galicia. “A verdade é que os tres estiveron encantados de poder participar neste debate. Falamos cos tres directamente. Con Pedro Puy porque foi profesor de Dereito e tiñamos relación e con Camilo Nogueira porque, aínda que non é un político que está en activo, é unha persoa moi importante que participou na elaboración do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia”, conta este estudante de Dereito.

Para os representantes desta asociación estudantil, o feito de organizar neste momento un debate deste tipo non é algo casual. “Hai aproximadamente dous anos que en Galicia quíxose poñer en marcha unha reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia aínda que non se chegou a ningún acordo. Agora mesmo ponse a sentenza do Estatut catalán como elemento de escusa para non abordar unha reforma. Nós organizamos este acto para intentar adiantarnos un pouquiño ao debate e para que quede patente que este tema, que é crucial, tamén interesa aos estudantes, que estamos comprometidos con ese tema”, conclúen.

No hay comentarios: