jueves, 6 de octubre de 2011

ANA VÁZQUEZ E CUBELA VISITAN AS OBRAS DE REPARACIÓN DO ACCESO Á PARROQUIA DE PARADA DE TENORIO EN COTOBADE

A deputada Ana I. Vázquez, acompañada do alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, visitou as obras de reparación do acceso á parroquia de Parada de Tenorio. Por mor das chuvias e dos continuos desprendementos rexistrados na zona, a Deputación decidiu actuar de urxencia e construirá un muro de contención e reparará o firme en 25 metros liñais de estrada para asegurar que os veciños de Parada non se vexan incomunicados.

“Trátase dunha actuación preventiva despois de que se rexistrasen desprendementos de terra na zona que están deteriorando a estrada. Por iso decidimos actuar de urxencia ante a posibilidade de que coa chegada das chuvias se poida producir un derrube de terra maior sobre a estrada que corte as comunicacións”, explicou Ana I. Vázquez.
O acceso está situado nun ramal da N540 e “trátase da única vía en condicións coa que contan os veciños xa que a outra existente non é apta para a circulación de tráfico rodado”, sinalou.

A intervención consistirá no levantamento dun muro de contención de mampostetería para evitar desprendementos sobre a estrada. A continuación procederase ao saneamento do subsolo e do firme e reposición do mesmo. Por último pintarase a nova superficie e instalarase nova sinalización horizonal.

O prazo de execución das obras é de 15 días. Na actualidade estase procedendo á escavación do terreo onde se colocará o muro. “A Deputación provincial ten como unha das súas funcións axudar aos pequenos e medianos concellos en actuacións importantes para os veciños como é esta reparación. Tamén é importante que as administracións actuemos de forma áxil e preventiva. Seguro que con esta intervención evitamos males maiores”, asegurou a deputada provincial.

Compromiso con Cotobade

Na súa intervención, Ana I. Vázquez salientou o firme compromiso da institución provincial con Cotobade. “A pasada fin de semana visitamos o núcleo de Vilanova na parroquia de Tenorio onde colaboramos coa Xunta na realización de acometidas de auga para particulares”, dixo.

Ademais, está previsto que a Deputación colabore na construción dun Campo de Tiro Olímpico solicitado polo alcalde, na mellora do saneamento e abastecemento de auga e na reparación de distintos camiños.

No hay comentarios: