martes, 4 de octubre de 2011

O PARLAMENTO INSTA Á XUNTA PARA QUE DEMANDE DO MINISTERIO DE FOMENTO A REANUDACIÓN INMEDIATA DAS OBRAS DE REPARACIÓN DA ESTRADA N-541 EN COTOBADE

A Comisión de Obras Públicas aprobou esta mañá unha proposición non de lei presentada polo deputado popular Jacobo Moreira

O PARLAMENTO INSTA Á XUNTA PARA QUE DEMANDE DO MINISTERIO DE FOMENTO A REANUDACIÓN INMEDIATA DAS OBRAS DE REPARACIÓN DA ESTRADA N-541 EN COTOBADE

• A proposta demanda unha solución definitiva aos corrementos de terras, así como a instalación dunha adecuada sinalización do lugar para garantir a seguridade tanto dos vehículos como dos peóns

Santiago, 4 de outubro de 2011.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei presentada polo Grupo Popular, que contou co apoio dos grupos da oposición, a través da que se insta á Xunta de Galicia para que solicite do Ministerio de Fomento a reanudación inmediata das obras de reparación da estrada N-541, no punto quilométrico 82, dentro do termo municipal de Cotobade. A proposta, defendida polo deputado popular Jacobo Moreira, demanda unha solución definitiva aos corrementos de terras, así como a instalación dunha adecuada sinalización do lugar para garantir a seguridade tanto dos vehículos como dos peóns.

Jacobo Moreira recordou que as obras de arranxo do corremento de terras e afundimento da estrada N-541, no seu punto quilométrico 82, ao seu paso por Cotobade “levan paradas máis de un ano, sen que dende o Ministerio de Fomento se teña dado sinal algún de retomar as obras e rematalas cunha solución definitiva”.

DESDE XUÑO DE 2009

O afundimento desta estrada producíuse no mes de xuño de 2009 á altura da Ponte da Rocha, sobre o río Cabanelas. “O destrozo foi de tal magnitude que deixou aberto un burato de máis de 20 metros e a día de hoxe os vecinos da bisbarra e os usuarios deste viario non se explican como é posible que o Ministerio de Fomento abandoara unha obra en curso e deixara o lugar cunha sinalización provisional e un trazado en zig-zag, que xa ten causado varios accidentes de tráfico”, sinalou o deputado.

“Nin os accidentes, nin a inseguridade permanente, nin tan sequera a manifestación que os veciños do lugar levaron a cabo o pasado 1 de maio conseguiron que o Ministerio de Fomento mostrara a máis mínima sensibilidade por esta preocupante situación, mantendo unha preocupante indiferencia e dando a impresión que está á espera de que ocorra unha desgracia para reaccionar”, afirmou o deputado popular.

No hay comentarios: