martes, 30 de noviembre de 2010

Entrevista en Xornal de Galicia

“Sei que os grupos da oposición usarán a miña idade como escusa para atacarme”.


Ata hai ben pouco dicíase que a xente moza era maioritariamente de esquerdas. Non obstante, tras o 1 de marzo de 2009 din que as tendencias están cambiando en Galicia. Polo menos asegúrano dende o PPdeG, o partido que, di, contou co voto dos mozos para chegar á Xunta e que agora presenta o candidato a unha alcaldía máis mozo de Galicia: Jorge Cubela, un estudante de Dereito que no mes de xaneiro cumprirá 22 anos.

Como decide un rapaz de 21 anos presentarse como candidato do Partido Popular en Cotobade?

O partido está nunha fase de renovación, e unha vez que se convocou unha asemblea cos militantes, o presidente provincial do partido, Rafael Louzán, o pasado 16 de setembro, someteu a cuestión quen podería ser o mellor candidato da lista para encarar as eleccións de maio de 2011 no concello. Alí, os militantes dixeron que a mellor persoa que podían atopar neste momento era eu. Foron os militantes os que unanimemente me propuxeron como candidato. A verdade é que había bastante consenso, e semellaba que, se eu me presentaba, o partido en Cotobade acudiría moi unido ás locais. Foi por iso, e polo apoio que me prestou Rafael Louzán, que decidín dar o paso para presentarme.

Cal é a situación do PP en Cotobade?

Nestes momentos, en Cotobade goberna o PSOE en coalición co BNG. O Partido Socialista ten cinco concelleiros, o PP ten catro e o BNG ten dous. Aquí pasa o de sempre: o bipartito de Cotobade está dividido, non hai xestión, nin programa de Goberno. O que Cotobade necesita é un Goberno unido, non que haxa fisuras nin tensións e sobre todo un Executivo no que non haxa catro alcaldes, que é o que está pasando agora mesmo. No concello hai agora mesmo catro adicacións exclusivas e un asesor e eu entendo que nestes momentos un municipio coa capacidade que ten Cotobade non se pode permitir iso, é un despilfarro.

Cotobade é un concello do rural. Que pensan os maiores do concello de que se presente un rapaz tan novo? Cre que lle poden dar o voto?

Supoño que a idade será un dos poucos argumentos que poidan utilizar contra min os membros de PSOE e BNG. Eu nacín e vivo en Cotobade, e coñezo de sobra as súas carencias e necesidades. Moita xente, incluso moita xente maior, estáme a parar pola rúa para facerme peticións, para dicirme se lle podo ou lle poderei solucionar este ou aquel outro problema, porque non atopan resposta por parte do concello. Ben sei que cando se achegue o tempo da campaña eles dirán que teñen moita experiencia e que eu non a teño. Pero non sei de que serve a experiencia cando non fixeches nada do acordado, e cando nin tan sequera gardaches o que deixaron feito os que estiveron antes ca ti.

Cando comezou a súa relación co mundo da política?

Teño 21 anos, vou para 22. Dende os 16 anos estou en política. A esa idade ofrecéronme entrar dentro do partido. Logo, cando fun estudar a Santiago foi cando me metín máis a fondo co tema. Participei na redacción dos programas do PPdeG nos apartados xuvenís representando a Novas Xeracións. Foi nesa etapa cando entrei en contacto con cargos destacados da vida política galega e persoas que hoxe en día son altos cargos da Xunta. Iso foi outras das cousas que me animou para poder aceptar este reto. Creo que un alcalde non só debe gobernar ben senón que ten que saber moverse para atraer inversións para o concello. Se tes un alcalde que non é capaz de conseguir inversións para o municipio...

O actual presidente de Novas Xeracións, Javier Dorado, asegurou nun Café de Redacción que con trece anos ía a mitins de Aznar. A vostede pasáballe algo parecido?

Meu pai foi 16 anos tenente de alcalde en Cotobade. A inquedanza constante polo futuro de Cotobade e os seus veciños xa é algo que me vén dado dende o berce. Co seu apoio, as súas ensinanzas e con toda a axuda que me está dando, a verdade é que os veciños sempre viron que tiña un bo respaldo por detrás. Non son unha persoa que me presente á alcaldía e que veña de fóra. Dende pequeno xa andaba por aí sempre co me pai e por iso sei que é o que se fixo ou o que non se fixo en Cotobade e que é o que hai que facer.

Fala nun galego moi fluído... Onde se situaría, nas boinas ou nos birretes?

Non creo que agora mesmo existan as boinas e os birretes. Eu me encadro dentro do Partido Popular de Galicia, o cal lidera Alberto Núñez Feijóo. Creo que estamos nun momento moi bo no que o partido está moi unido. E este é un partido que nos seus estatutos se define como centrista e galeguista. Mentres eu siga pensando así e o partido tamén siga pensando neses termos creo que estou na formación que está de acordo coa miña ideoloxía, o mellor partido para Galicia. Milito nunha organización que defende os intereses de Galicia dentro do marco constitucional e dentro de España. Se nun partido hai bases galeguista é precisamente no Partido Popular.

Como persoa que aínda é estudante, que lle parece o decreto do galego posto en marcha por Feijóo? Cre que defende a lingua propia de Galicia?

O tema do decreto é un tema moi sensible que hai que tratar co maior consenso posible. Á hora de elaborar un decreto tería que terse feito, xa na anterior lexislatura co PSOE, ofrecendo un maior diálogo ao PP, que non se deu. Sobre o tema do decreto creo que hai que resaltar que o importante é que as persoas, nas súas casas, nos comercios, na rúa, poidan falar con total liberdade tanto en castelán como en galego. Eu creo, como galeguista, que o galego hai que fomentalo dende a liberdade, e hai que potencialo cos recursos económicos que haxa. Os nenos pequenos deben familiarizarse co galego, pero non se lles debe impoñer, porque iso fai que se vexa a lingua como unha ameaza. Eu espero que agora tanto galego como castelán se harmonicen. É certo que, como lingua máis ameazada, o galego ten que recibir máis axuda, pero creo realmente que iso xa se está a facer dende a Xunta. Non debe haber unha infravaloración nin do galego nin do castelán.

Cre que a desafección que parecen sentir os mozos pola política nestes momentos pode remitir?

Creo que en Galicia hai un cambio de ideoloxía, de ideas na xente moza. Antes estaban máis asociados ao Bloque Nacionalista pero agora temos que dicir que o voto que deu o cambio foi o da xente moza. Novas Xeracións ten case tantos militantes como o Bloque no seu conxunto. Dende que o Goberno de Galicia está dirixido por Núñez Feijóo, as cotas de afiliación subiron moitísimo.

No hay comentarios: