lunes, 29 de noviembre de 2010

O PP Cotobade lamenta que o Goberno local se acorde despois de 8 anos do solo industrial

*Os populares denuncian que a falta de solo industrial en Cotobade provoca que os autónomos e empresarios do municipio se instalen en concellos veciños como Campo Lameiro ou Pontecaldelas.

*Cubela pregúntase “a quen intenta enganar agora o alcalde cando en 8 anos non deu ningún paso firme para aprobar o PXOM nin foi capaz de crear nin un só metro de solo industrial no municipio”.

*Considera que Cotobade podería ser perfectamente unha opción para a planta xaponesa se o Goberno local cumprira a tempo coas súas obrigas e funcións
Os populares sinalan que a única pretensión de Loureiro é “darse publicidade a si mesmo”

Cotobade, 29 de novembro de 2010.-

O PP local lamenta que a falta dun Plan de Urbanismo e a falta de solo industrial en Cotobade deixen nun “intento de vender fume“ a carta enviada por Loureiro a Mitsubishi ofrecendo terreos para a ubicación da planta de baterías de litio.

O presidente do PP local, Jorge Cubela, critica a actitude do alcalde ao considerar que “se lembrou moi tarde do concello”. E pregúntase “a quen intenta enganar agora cando en 8 anos non deu ningún paso firme para aprobar o PXOM nin foi capaz de crear nin un só metro de solo industrial no municipio”.

Cubela considera que Cotobade podería ser perfectamente unha opción para a planta xaponesa “se o Goberno local cumprira a tempo coas súas obrigas e funcións, pero Loureiro acórdase agora, que estamos preto das eleccións, das oportunidades perdidas, das que el é o único responsable”.

Ademais disto, os populares lamentan que “a pasividade do Goberno local estea a provocar que empresarios e autónomos do municipio se vexan obrigados a instalarse en concellos veciños como Campo Lameiro ou Pontecaldelas, pola falta de solo industrial.” E critican que “o alcalde pretenda que se instale Mitsubishi cando non é capaz nin de ofrecerlle terreos aos empresarios do seu propio concello”.

Cubela cualifica de “atrevemento” a actitude do rexedor local, pois “as promesas de Loureiro aínda están a monte”, referíndose ao polígono industrial que o Goberno local prometeu facer en Salgueirós, entre as parroquias de San Xurxo e Viascón.

Os populares sinalan que a única pretensión de Loureiro é “darse publicidade a si mesmo”, pois consideran que non é serio limitarse a mandar unha carta a estas alturas, cando as xestións para a adquisición de terreos comezaron hai moito tempo, e “ir por libre”, cando está mediando coa empresa xaponesa a Xunta de Galicia”.

No hay comentarios: