lunes, 25 de julio de 2011

Cores Tourís destaca a gran potencialidade do caracol de cara a promoción económica de Cotobade

Pontevedra, 24 de xullo de 2011.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá, na II Festa Gastronómica do Caracol que se celebrou no concello de Cotobade e no que se repartiron case 1.000 racións deste produto.

As racións de caracol foron preparadas á vizcaína e acompañadas con pan e viño. Centenares de veciños e turistas puideron gozar deste prato que puido ser acompañado tamén por churrasco e callos.

O responsable da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a súa visita para recordar a colaboración institucional nesta festa gastronómica e mostrar, así, o seu apoio a promoción do caracol asegurando que “sen dúbida, este produto pode axudar a potenciar economicamente ao concello de Cotobade”, destacando que neste municipio se atopa unha das principais explotacións de España.

De feito, antes da celebración da cata no lugar de Vila de Arriba na parroquia de Santa María de Sacos, Cores Tourís visitou esta empresa, “Caracoles do Gallo”, en compaña do alcalde, Jorge Cubela e do xerente da firma, José Luis García.

Deste xeito, o delegado territorial puido comprobar o traballo que se realiza na explotación que ten unha extensión de 23.000 metros cadrados, 12.000 deles de invernadoiros e o resto ao aire libre. Trátase, como explicaron os seus responsables, dunha sociedade civil formada por dous propietarios.

“Tal e como puiden comprobar trabállase coa variedade do caracol máis valorado no mercado, é dicir, o gran gris escuro”, asegurou Cores Tourís. “En esta explotación realízase todo o proceso dende a cría ao seu engorde e envasado final. É magnífico comprobar cómo, a pesar da crise, temos empresas que seguen a crecer xerando riqueza económica, o que, sen dúbida, debe ser todo un orgullo para Cotobade”.

Pola súa banda, José Luis García explicou que os caracois son alimentados con cereal, tanto millo coma trigo e por suposto con calcio, “xa que necesitan fortalecer a súa concha”. A explotación conta, ademais, con zonas de sombreo para que o sol non dea directamente aos animais e que poidan contar co grao de humidade idóneo “e que así estean nas mellores condicións. De feito, tamén instalamos mantas antiherba e zona de refuxios”.

Esta empresa produce, dependendo do ano, entre 9 e 12 toneladas de produto que se distribúe no mercado nacional “especialmente no Levante, en Madrid e Barcelona”.

No hay comentarios: