miércoles, 24 de diciembre de 2008

Arias contesta a Luisinho

Temos por este Blogue a un honroso defensor dos CAF, Luisinho de nik, quen suscitou moitas cuestións arredor de AID, e que foron debidamente respostadas.
Unha delas merece que se poña aquí porque explica detalladamente todo sobre a asociación e a historia dos CAF en Dereito.

Vai redactada polo amigo Arias:

Se, Luisiño, soubeses música, á fe que serías un gran compositor de fugas. Con tres que che bailen a auga, tés variacións do tema para dar e tomar, cos desenvolvementos do resto. Xuntas todo en tres ou catro pentagramas, e fas un sistema fugado que nin o amigo Bach. Sorprendente capacidade para encher a blogosfera con pouca temática. Pero he aquí as maravillas da dialéctica. Mágoa de Santo Agostiño e a Escolástica Medieval. Á fe, tamén, que iamos salir graduados por Salamanca con unha soa sesión. En fin, desculpa as bromas, e poreime un pouco serio.

Sería conveniente saber quen se agocha detrás do teu pseudónimo. Por saber de qué facultade es, de qué universidade, se tes algo que ver cos CAF ou non, en fin, todo iso. As últimas palabras que falei con alguén dos CAF foron coa Señor Becoña, creo. Corríxanme os que teñan potestade para tal se estou en erro. Dicíame que nos tiñamos que por dacordo en moitas cousas para ir á Xunta de Facultade. Avogaba polo diálogo. Teña os meus parabéns por tan boa intención, e como dixen no seu momento, fagamos tábula rasa e reescribamos o reescribible.

AiD é unha asociación Independente de estudantes da Licenciatura en Dereito da Universidade de Santiago de Compostela. Nesta definición van inclusas moitas cousas, que se determinarán a continuación: Estudantes de Dereito (non de ningunha outra titulación) da Universidade de Santiago de Compostela (non de ningunha outra facultade ou universidade Galegas nin Españolas nin Universais). Isto xa que, como é unha asociación de recente creación, non pode abarcar o inabarcable con tan curta idade. Un ano non da para moito. Non por iso estamos fechados a expandirnos. Pero cada cousa ó seu tempo. Así, por tanto, ancheamos algo por ir ó Claustro Universitario, e parello a iso, tamén houbo de anchear a mente e as concepcións particularistas, extendendo o ámbito de acción a toda a Universidade de Santiago de Compostela naquilo que se pode extender, e sen esquecer quen nos escolleu para o Claustro.

Por tanto, e como sabe máis o tolo na súa casa que o listo na allea, eu non valoro os resultados de ninguén en ningunha outra facultade. ¿Que os CAF obtiveron un resultado escandaloso na Facultade de Coscotroloxía da Universidade de Pernambuco? Pois Felicidades e ale, ale; a manter a cousa así e a traballar por Tutatis, por Xúpiter e por Favor. Xa ves o que me tolea o caso.

Centrémonos, por calquera dos anteriores, o que máis rabia che dea, na Facultade de Dereito da USC. No curso 2004-2005 levouse a cabo a reducción do programa de Dereito Romano a iniciativa, guerreira, dos CAF. Con tanto éxito e sorte que se puxo a xente cabrona, e nos de 1º dese curso (que casualmente é o primeiro da miña promoción) amamos a todo membro dos CAF "sicut proximo periculoso". Iso, sumado a certas meteduras de pata dalgúns dos membros, pois, levounos ó resultado que estamos a ver en Dereito. Non fala Iván Arias candidato a nada, senón que Iván Arias observador imparcial, que o foi ata 4º de Carreira. E comigo pregunta a un 80% dos Estudantes da Facultade de Dereito da USC. Creo que non erro moito na cifra.

A ausencia dun carácter paternalista ou ausencia de caudillismo leva a que AiD escoite ó alumnado antes de actuar. De aí que tódalas decisións que se toman dende o seo de AiD son previamente consultadas. O certo é que hai poucas mentes tan brillantes como para ter unha empatía total co resto de compañeiros. E por iso tantas veces precisamos saber o que queren. E así imos indo. Outro apunte a ter en conta.

As nosas actividades lévanse a cabo de xeito impoluto, e todo está claro, as contiñas o primeiro. Non como se andivo dicindo, que tales cartos ían parar a AiD e a posteriori os membros investíanos en "combinados de bebidas alcólicas", así, a lo fino...

As nosas iniciativas na Xunta de Facultade son defendidas pola maioría de Membros de AiD, excepto en ocasións, contadas, e por mor da inexistencia da disciplina de voto dentro de AiD (por iso o de Independentes tamén, mira se queremos liberdade). ¿E sabes por que defendidas por todos? Porque imos todos á Xunta de Facultade, así, a pleno, coma quen non quere a cousa. Porque non usamos recheo para as listas electorais (xa ves, puidemos ter presentados 18, e só tiñamos 17 para presentar) e por que tentamos ser, e somos, honrados. E non defendemos barbaridades nin nos paramos en discusións sobre o sexo dos anxos. Poñemos os pés na terra cada día e intentamos solucionar os problemas cotiáns. Mira, o último o Venres da semana pasada, con unha rapaza que veu agoniada porque se quedaba sen convocatorias de exame en Fin de Carreira. E solucionóuselle, e foise tranquila, e todos contentos.

Mira, Luisiño, non sei se teño que dar eu o brazo, ou o pé, a torcer ou a revirar. Creo que non. Non me importan nin o máis mínimo, xa ves ti, as verdades dos números que me estás a presentar, en primeiro lugar porque non me vinculan, nin no pouco, nin no moito. Métaos en conserva a quen tanto lle interesen, ou nun sudoku aquel ó que lle guste tal tortura xaponesa para abranda-los miolos. Aínda máis, os números tampouco me importan nin os meus, ¿sabes por que? Porque detrás de cada voto, do número, hai un votante. E o votante é quen a min me importa, principalmente, porque a tal debo estar agradecido e intentar darlle ben común, que por ser común, non será só ben para el, senón que para todos.

Con respecto de GADED non lles teño que faltar ó respecto nin á consideración. Principalmente porque non sei que fan nin qué deixan de facer. Si teño algunha referencia, pero, como digo, descoezo a verdade do caso, só felicitarei, e alá cada quen coa súa conciencia. Eu coa miña teño suficiente.

Dixecheslle a Etilik0, que menudo pseudónimo gasta: "As miñas propostas xa as fago onde toca, e é por iso que se consiguen cousas. Creo que non ten moito senso que faga propostas a AID, tendo en conta que é obvio que non comparto as vosas ideas." Máis adiante a min: "Eu non teño que facervos propostas, polo simple feito de que non estou en condición de facelas, non entro dentro do voso espectro de acción." En fin: ti non tes que facernos proposta algunha por istos e por aquilo, que se non comparto as vosas ideas, que se non estou dentro do voso ámbito de acción... Perralleiradas, en resumo. Propostas non, pero "Posts" si, e se puidera ser, un cada hora. Mira Luisiño, se queres facer algo polos teus compañeiros Universitarios falamos do que sexa. Pero estar descute que te descute por uns números... ¡Quédate cos máis gordos! Aquí trátase de beneficiar ó estudante e non fardar de enteiros. ¿Queres ou pretendes que pase coma sempre e cada quen pola súa banda? AiD pode, este ano, permitirse iso, con grave perxuízo para o CAF. En fin, en fin, como non sabemos quen es, nin en nome de quen ou qué falas, non faremos tal e agardaremos ó ano que vén, a resolver os pactos das comisións cos Comités. Pero ollo a ver por onde van os tiros, porque se de tonterías imos falar... Para mundo, que me baixo.

Non rebatiche, para que vexas, o que dixen das mal nomeadas taxas. ¿Achantas, Luis? ¿E non podemos estar dacordo niso? ¿E no das Bolsas para o alumnado? ¿E na mellora dos Servicios á comunidade Universitaria? ¿E no establecemento de normativas garantistas en tódolos procedementos na Universidade? ¿En iso hai que estar en contra porque o dicimos nós? Oia vostede, ou mellor lea: CAF e AiD propuxeron, no curso pasado, cousas similares que se votaron en Xunta de Facultade igual por todos. ¿Sabes por que? Porque hai cousas que deben ser dunha maneira, ou mellor deixar de ser doutra. Se o caso é descutir por descutir, creo que todos temos mellores cousas nas que perde-lo tempo. Por tanto, dime ti se é que podemos chegar a algún punto en común, despois de toda a palabrería verquida no Blog daquí o amigo Cubela. Porque un pasa xa todo o día dándolle ós dedos, sexa na gaita, sexa no órgano; como para vir ó ordenador e darlle outro maratón dixital e rematar non quitando nada en limpo.

Por iso, Luisiño, digoche, ¿Hai algo que che agrade para chegar a un punto en común, ou resúltache todo AiD tan "repulsivo" (quitémoslle cabalos á palabra) que con tan só nomealo sáeche un sarabullo na meninxe externa? Por favor, se ata ás veces os CAF deron algo no cravo. Só que despois, en tantas ocasións, ou se tiraron ó monte ou se subiron á parra de tal xeito que, ou escapabamos correndo, ou como fixo algún, plantou cara, e dixo ata aquí me mangonean aquí os salvadores da Ensinanza Pública Galega.

Somos moitos (moitísimos, onde vai dar) os que non nos sentimos representados polos CAF. E uns pasábamos ata un punto onde nos unimos para deixar de pasar. E outros dixeron, ata aquí pasei. E outros seguen a pasar. E outros si que se sinten representados. Para eles, como diría Patricia Conde, un bico... ou un manoxiño de rosas.

E aínda que os Comités, antigos CAF, sigan obtendo bos resultados noutros sitios, hai un vicio que teñen que perder: a súa endogamia, e deben relacionarse cos demais compañeiros e comezar a interactuar coas demais asociacións de Estudantes, porque os representados van todos no mesmo saco, e non para uns se extende o beneficio ou o perxuízo, senón que para todos. Esta intención é a que temos en AiD, e xa dimos pasos concretos para realizar iso. Porque sabemos, perfectamente, que o fin non é AiD, senón que os verdadeiros intereses e conveniencias do alumnado. E xa que ti dis o mesmo ¿cren o mesmo os Comités, pero cordialmente, e non só de papeleta? Tiven ocasión de falar con xente que leva na Facultade de Dereito moito tempo, e queda abraiada, ou polo menos iso me din, cos modais dos que usamos os membros de AiD, e os que usaba o CAF, e segue a usar na actualidade en algún caso. E iso xa di moito da persoa e da asociación, e do que pretende co seu actuar. Por tanto, Luisiño, non sei se "odiados" é a verba, pero, amados, dende logo, tampouco é. Con isto non quero dicir que a nós nos amen sublimemente, pero, amiguiño, a vaquiña polo que vale: aí está o deste ano, que non me deixa mentir.

Luisiño, volvo e digo: se algo en concreto, ou en abstracto, podemos sacar de conclusión que supoña un ben en común, seguimos na gresca. Pero se o único que conseguimos é falar por falar, ou escribir por escribir, ata que se nos desgasten e se nos poñan romos os dedos e quedar cos tocos, gastando paciencia, tempo, neuronas, humor e datas de Nadal diante do ordenador, Déanos, pois, o vento de onde mellor sexa propicio, e cada curuxa ó seu loureiro, que non hai nada máis do que latricar. Dixen.

4 comentarios:

Luisinho dijo...

1. Non son compositor, ergo, de fugas non vos sei moito, mais sei suficiente para entender que aquí as únicas fugas que vexo son as alleas e non as propias, culminadas con esta última mensaxe túa, a modo de coda, con intención de ser derradeira. Non son orador sofista, e polo tanto tento prestar mais atención ao continente que ao contido, ao contrario do que me acusas. Porén, despois desta digresión, imos ao gran.

2-Non son, como creo que polo menos Jorge tivo a ben decatarse, persoa da vosa facultade, nen persoa con quen teñades que sentarvos a falar nen negociar. Son persoa á que lle afecta ver como se din inexactitudes, por pornos eufemísticos, sobre a organización da que participa, activamente.Porén, si creo que o feito de corrixir erros de percepción alleos, ou inexactitudes publicadas nun blogue, é bo. É por isto que contestei e comentei, coa intención de corrixir inexactitudes, como a fachenda en proclamar ser a asociación mais apoiada nunha facultade, ou a acusación cara o goberno galego de ser o culpábel de non subir as bolsas. Unhas deron a outras, e outras deron a outras mais. Creo que foi algo bastante interesante, informativo por ambas partes, e que, de seguro, fará que de agora en adíante teñades mais coidado á hora de publicar datos inexactos, e que eu teña un maior coñecemento do voso funcionamento.

3-Como vistes, se por algo me caractericei, ou tentei caracterizarme, foi por a) manter unhas formas das que vós presumides, e algúns mantendes (e outros non) e, b) non meterme en cuestións que descoñezo, a non ser para preguntalas ou aclarar dúbidas que teño. Eu non acusei, coma fixeron outros, a ninguén de ter financiamentos irregulares, mais que nada porque non o sei, e considero a prudencia como unha virtude.

4-As referencias a outras facultades foron porque vós publicastes que erades a asociación mais apoiada nunha facultade do país. Eu consideroo erróneo e así volo contesto. Simplemente. Creo que os números e os apoios son o de menos.

5-Con respecto ao das propostas, reitero que non é comigo con quen vos tendes que sentar a falar, e megustaría que SI vos sentasedes a falar, mais non conmigo. Non son o interlocutor que buscades, e xa expliquei mais arriba porque escribo aquí. Non por iso vou deixar de dicir as miñas opinións aqui ou onde sexa. Como é obvio, non comparto varias das vosas teses, como a de culpar ao BNG da suba das taxas, nin dicir que as folgas non serviron para nada. Aquelo que non contestei, foi porque descoñezo a realidade do caso, e non falo do que non sei a non ser en termos interrogativos, como fixen cando lle preguntei a Jorge como compaxinaba as súas dúas facetas. Se preguntei isto é, como xa dixen noutros posts, porque neste blogue hai mais novas de AID que no blogue oficial, e polo tanto preguntabame, tomando quizais a parte polo todo, a relación AID - ideoloxía de Jorge. Gustaronme as vosas explicacións, e non fago mais teima diso, queda como está, e punto.

5-Chegar a un punto en común. Bueno, niso estamos, creo que contestei os vosos argumentos, rexeitando aqueles que non comparto, e aceptando os que si. Non sei onde achantei, estarei encantado de contestar, ata onde poida, cos meus argumentos propios, se se me indica que non contestei. Descoñezo se tendes ou non que pactar cos Comités, xa dixen que o meu papel é o de observador externo, mais creo que hai dous puntos que tendes que cambiar: Primeiro, que a vosa campaña, que teoricamente reflicte as vontades dos estudantes, sexa en positivo, e non unha Campaña Anti-Comités, como foi a que apareceu aqui e, segundo, creo que tendes que recoñecer que as folgas contra as taxas si valeron de algo.

6-Ningunha asociación me resulta repulsiva, podeme resultar merecente do meu respeto, indiferente, ou non merecente do meu respeto (nin do de ninguén) como podería ser GADED.

7-Os Comités, en xeral, caracterizanse por seren abertos. Entra quen quere, preguntase o que se quere, e relacionanse con todo o mundo. Non creo que sexan nin paternalistas nin que tomen un papel raiano no caudillismo. O problema que vexo é que se está extendendo a imaxe que ten (parte de) o estudantado dunha facultade de como son os Comités a todos os Comités. E non. Hai que saber distinguir denotación e connotación, e, por sorte ou por desgraza, os Comités son moito máis que a imaxe que teñen deles nunha facultade determinada.

8-Estarei encantado de seguir falando o que sexa, mais se o que pretendedes e falar conmigo como interlocutor válido dos Comités, non son a persoa que buscades. Simplemente, eu debato for the sake of it e sempre que vexa aquí algunha inexactitude ou punto a rebatir entrarei e contestarei.

9-Volvo a dicirlle a Alejandro que demostre as súas acusacións, ou que as retire. Por outra parte, expreso a miña disatisfacción pola súa actitude, saíndose da norma xeral deste debate, de pataleo.

Tendo en conta que creo que non me deixei nada no tinteiro, pedindo desculpas se así foi, e quedando á vosa disposición para calquera outro particular, recibide un saúdo.

Luisinho

Anónimo dijo...

Quero dar o meu apoio a Arias, que ainda que non o coñezo, demostra ter bastante sentidiño, e a o Luisiño quero animalo a que siga a manifestarse, porque iso, e o de "pular" pola optatividade de Romano, é o que máis necesitamos na facultade de dereito, ah, ademáis recoméndolle que pida aos Reis Magos un diccionario de latín para aprender a dicir algo máis que ergo, que queda moi bonito pero xa vai sendo repetitivo, non sera este sapientium octavo.
Pois ahi queda iso, ademais aproveito para felicitar a AiD pola súa victoria na nosa facultade.

PD. Luisiño é un nome falso, en realidade é Quintana que surfea pola rede buscando a quen criticar no seu tempo de lecer(todo o día) ou será UNHA das mandamáis dos Ca.. perdón dos Comités

bo nadal.

Marcos Pita Varela dijo...

Ao punto nº6 de Luisinho: A Asociación independente GADED non ten "o respeto de ninguén", pero curiosamente dende fai 12 anos ten o respeto da maioría dos estudiantes da Facultade de Dereito da Coruña, qué é o que importa, xa que dende entón gañou todas as eleccións co apoio abrumador dos estudiantes. E, tamén dende 1996, CAF non gaña ningunha elección nesta facultade. ¿Será que todo o mundo respeta aos Comités agás os seus propios compañeiros?

AlejandroAlmau dijo...

Direiche que o que ocorre, é que non teño tempo de andar a ler lerias sesgadas, e moito menos de elaborar explicacións para xente que (como puiden comprobar ao ler parte das vosas discusións) non atende máis que ao que quere atender.
Na miña opinión (e síntocho se che parece pouco razoable e propio dunha pataleta) non paga a pena perder máis tempo contigo que o de relaxarse un mesmo por dicir o que se queira, dende logo non o tempo de pretender facer entender a quen non quere facelo. Por outra parte teño a sospeita de que a túa obsesión debe de ser fruto dalgunha dúbida sobre a túa propia convicción e que a sensación que tes sobre a miña intervención pode estar intolerantemente impregnada polo idioma. Pero tampouco teño copia notarial da sospeita.

Ata sempre.

P.D: Xa que andas tan reiterativo, lémbroche que aínda agardamos a explicación do teu pseudoanonimato infantil.